Reino Unido é, xunto cos Estados Unidos, un dos mercados por excelencia da Denominación de Orixe Rías Baixas. Por iso, conta cun plan promocional propio a través do que cada ano se organiza, alomenos, unha misión inversa de prescriptores. E a de 2025, integrada por cinco profesionais vencellados ao mundo do viño, atópase estes días percorrendo a rexión de Rías Baixas. Trátase de Andrew Catchpole, escritor de viños e editor da revista Harper’s Wine and Spirit; Daniele Arcangeli, recoñecido sumiller; Kate Hawkings, escritora de viño en medios tradicionais; Jenni Middlehurts, xornalista especializada en viños e influencer; e Jimmy Smith, educador de viños e fundador de West London Wine School. O obxectivo central desta viaxe é coñecer o territorio de Rías Baixas e descubrir de primeira man o traballo que están a levar a cabo as adegas, así como ampliar os seus coñecementos sobre os viños que se elaboran nesta Denominación de Orixe.
O percorrido pola denominación de orixe galega comezou onte luns cunha visita a varias adegas na subzona do Salnés, así como un tour en barco polas rías de Pontevedra e Arousa. Ao longo das xornadas de hoxe e mañá visitarán outras subzonas como Condado do Tea e O Rosal da man de varios produtores e adegueiros. Grazas a esta visita, os prescriptores anglosaxóns poderán coñecer de primera man o sector vitivinícola galego, baseado no tradicional sistema de condución por emparrado e no minifundismo. Ademais, desfrutarán dos viñedos no seu mellor momento, xa que estes están en plena floración. Esta viaxe, no que coñecerán un total de oito adegas de tres subzonas, finalizará o mércores pola tarde cun xantar.
Segundo mercado exterior
Reino Unido é o segundo destino dos viños da D.O. Rías Baixas no estranxeiro e o primeiro en Europa. As vendas a este país representan preto do 15% do total. É por iso que o Consello Regulador conta cun Plan de Promoción específico neste país que impulsa actividades como esta visita de prescriptores, así como a participación en eventos internacionais como a London Wine Fair, celebrada a semana pasada.
Na actualidade, das 177 adegas adscritas a esta denominación 115 están xa en plans de exportación, máis dun 70%. Delas, 77 empresas exportan os seus viños a Reino Unido, un mercado que en 2024 rozou os 1,2 millóns de litros en volumen de vendas.
Participantes
Andrew Catchpole é editor da revista especializada Harper’s Wine and Spirits, ademais de escritor de viños, gastronomía e viaxes. Conta con numerosos traballos en medios especializados, desde artigos sobre viño para o consumidor en prensa nacional ata análises comerciais exhaustivos en importantes publicacións B2B sobre viño e restauración.
Daniele Acangeli é un reputado sumiller italiano radicado en Londres. Certificado como sumiller pola Corte de Mestres Sumilleres, traballou en restaurante con estrelas Michelin e actualmente é sumiller xefe no River Restaurant de Gordon Ramsay.
Kate Hawkings escribe sobre viños para a prensa especializada e de consumo, así como sobre gastronomía e viaxes. Publica unha columna habitual na revista gastronómica Olive, e asesora sobre cartas de viños a restaurantes galardoados de todo o mundo.
Jenni Middlehurst é escritora de viños e unha influinte líder no sector, que tamén axuda ás marcas con campañas promocionais en redes sociais. Con formación en viticultura e enoloxía, conta ademais co seu propio microviñedo.
Jimmy Smith é o fundador da West London Wine School, un dos centros líderes en formación en viños, licores e cervexa do Reino Unido. É tutor e asesor certificado pola WSET, ademais de ser o único proveedor en Londres dos tres programas do Wine Scholar Guild (Italia, España e Alemaña). En 2019 foi recoñecido como “Home do Ano” pola revista Drinks Business.