12 de febreiro de 2018.- A D.O. Rías Baixas acolle a visita dun grupo de cinco prescritores estadounidenses, que ata o vindeiro mércores visitarán as subzonas do Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal. Os catadores Yannick Benjamín, Antoine Boissonot e Christine Wilson, xunto coas xornalistas Lauren Mowery e Kelli White iniciaron esta mañá o seu percorrido por esta denominación de orixe cunha cata de viños na sede do Consello Regulador.
A xornada no Pazo de Mugartegui comezou cunha breve presentación sobre as características diferenciadoras do territorio da D.O. Rías Baixas e das súas distintas elaboracións, que correu a cargo do técnico do Consello Regulador Fernando Vilariño. A continuación, os prescritores estadounidenses tiveron a oportunidade de degustar un total de 55 referencias da colleita de 2017 e anteriores, así como distintos tipos de elaboracións. Tras a cata, todos eles coincidiron en destacar que se trata duns viños aromáticos, de gran calidade e cunha acidez brillante.
Durante os tres próximos días os cinco prescritores visitarán diferentes adegas localizadas nas subzonas do Val do Salnés, Condado do Tea e O Rosal. Un percorrido co que coñecerán de primeira man o proceso de elaboración dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, a través das explicacións dos adegueiros e técnicos. O feito de que un dos prescritores se desprace en cadeira de rodas non supoñerá ningún inconveniente na realización das visitas grazas á accesibilidade das adegas da D.O. Rías Baixas, tal como recolleu na súa guía a Plataforma Representativa Estadal de Persoas con Discapacidade Física ( PREDIF).
O principal mercado
Estados Unidos é o primeiro mercado exterior dos viños de Rías Baixas. Non en balde, case 2,5 millóns dos máis de 6,4 millóns de litros exportados o pasado ano tiveron como destino este país. Na actualidade, medio centenar de adegas participan no plan de promoción específico do Consello Regulador en Estados Unidos. A misión inversa que hoxe comeza forma parte do plan promocional desenvolvido desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Os cinco participantes representan tres estados estadounidenses (California, Florida e New York) e Washington DC.