O Olympia London de Londres acolleu esta semana a 43ª edición da London Wine Fair, un evento chave dentro do calendario internacional do sector vitivinícola. Unha cita á que cada ano se mantén fiel a Denominación de Orixe Rías Baixas, e á que nesta ocasión acudiu cun stand integrado por 79 marcas de 46 adegas da denominación.
Ata a capital británica desplazáronse en representación do Consello Regulador o seu secretario xeral, Ramón Huidobro, e a técnica de marketing Rosa Martínez, quenes durante este evento comprobaron de primeira man a gran acollida que teñen os viños Rías Baixas no sector inglés.
Un interese que se reflicte na gran afluencia que tivo o stand da denominación galega, por onde pasaron decenas de profesionais do viño (educadores, sumilleres, importadores e restaurantes, entre outros) para coñecer máis en profundidade as elaboracións que se están a realizar en Rías Baixas. Así, as 79 marcas da denominación presentes no expositor ofreceron no “Wine Bar” unha ampla mostra do traballo que se está a facer, incluindo elaboracións sobre lías, en madeira, espumosos de calidade e tintos, así como unha gran variedade de anadas.
Reino Unido, un mercado estratéxico
Reino Unido é o segundo mercado de exportación dos viños da D.O. Rías Baixas e o primeiro de Europa desde fai máis de dúas décadas. É por iso que conta cun plan promocional propio que organiza diferentes actividades previstas para este ano entre as que se atopa esta cita feiral, así como a misión inversa de prescriptores que terá lugar en Rías Baixas a finais deste mes.
En 2024, este mercado achegouse aos 1,2 millóns de litros en volume de ventas, cun valor de case 9 millóns de euros. Xunto cos Estados Unidos, o británico é un dos mercados por excelencia dos viños atlánticos Rías Baixas.