11 de xullo de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizou este martes diferentes actividades promocionais en Tokio, ata onde se desprazou o secretario xeral da denominación, Ramón Huidobro. Estas accións, incluídas dentro do Plan Promocional en Japón para 2018, consistiron nunha reunión de traballo con profesionais do sector nipón, un Seminario Master Class impartido por Ramón Huidobro e dirixido exclusivamente a profesionais, así como unha experiencia baixo o título Festa do Viño do Mar Rías Baixas, dirixida a consumidores xaponeses.
O lugar de encontro para as tres actividades foi o navío especializado en eventos “T-Lotus M”. A súa cuberta principal foi elexida como lugar de encontro dun cento de profesionais do sector nipón (sumilleres de hoteis, restaurantes, bares, prensa, vendedores de tendas e de departamentos) para a celebración da reunión de traballo na que participaron 16 adegas de Rías Baixas cunhas trinta marcas; un acto no que participou o secretario xeral da Denominación.
A cuberta inferior do “T-Lotus M” acolleu a Master Class, titulada “A influencia do territorio na caracterización dos viños amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas”, dirixida a corenta profesionais do sector e impartida por Ramón Huidobro. O seminario rematou cunha cata de tres diferentes tipos de viños de Rías Baixas, dirixida polo sumiller e propietario do Bar “Los Vinos” e na que estivo apoiado polo secretario xeral da Denominación, quen se encargou de dar unha breve explicación sobre cada unha das subzonas e adegas ás que pertencía cada viño.
O punto final púxoo a Fiesta do Viño do Mar Rías Baixas, dirixida a cerca dun centenar de consumidores xaponeses aos que Ramón Huidobro deu a benvida, así como unhas nocións básicas dos viños desta Denominación. O festexo ocupou a cuberta principal e a azotea do “T-Lotus M” e contou coa participación de 20 marcas de Rías Baixas que estiveron harmonizadas con tapas modernas pertencentes á cociña española.