Volver

15 de Maio

A pontevedresa Praza da Pedreira acollerá este sábado 12 de maio a celebración do Día Movimiento Vino D.O.

8 de maio de 2018-. Este sábado, 12 de maio, a Denominación de Orixe Rías Baixas celebra por segunda vez o DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. A cita terá lugar na pontevedresa Praza da Pedreira que ás 13:30 h acollerá o brinde colectivo, da man do secretario xeral, Ramón Huidobro. Para a devandita celebración dispoñeranse de máis de 30 marcas de viño de Rías Baixas.

A xornada comezará ás 13 h. coa actuación do grupo local ‘La Casa de los Ingleses’. Vinte minutos despois, os asistentes poderán coller os cataviños para participar no brinde colectivo, que transcorrerá á mesma hora en 28 denominacións de orixe diferentes de España. Tras o brinde, que dirixirá Ramón Huidobro, darase paso novamente á actuación de ‘La Casa de los Ingleses’ que poñerá o punto final a esta segunda festa do Viño con Denominación.

A celebración do segundo DÍA MOVIMIENTO VINO D.O. poderá seguirse a través das redes sociais co hashtag #DíaMovimientoVinoDO. Ademais, os usuarios que suban fotos co hashtag #SelfieDíaVinoDO a Twitter ou Instagram entrarán nun sorteo dunha experiencia enoturística nunha das Rutas do Viño de España (www.wineroutesofspain.com), que inclúe unha noite nun hotel ou casa rural, localizado nunha das Rutas, en réxime de aloxamento e almorzo; unha comida ou cea baseadas na gastronomía característica da ruta acompañada de viños con Denominación de Orixe e unha visita a algunha das adegas da ruta con degustación de viños. Máis información en http://www.movimientovinodo.es/sorteo-selfie-diavinodo/

“O Día Movimiento Vino D.O. é un evento cun marcado carácter festivo para poñer en valor o viño con Denominación de Orixe, achegalo ao público en xeral e aos mozos en particular, convidando os participantes a coñecer a contorna onde se produce. O viño D.O. fala da rexión e do territorio de onde procede, da terra, do traballo e do esforzo de homes e mulleres que apostan por un produto de prestixio e traslada valores de autenticidade, coidado da orixe, seguridade alimentaria, arraigamento cultural, diversidade, protección do medio ambiente e un estilo de vida saudable”, sinala David Palacios, presidente de CECRV (Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas).

Movimiento Vino D.O. é unha iniciativa de CECRV e na súa segunda edición participan 28 Denominacións de Orixe: DO Almansa, DO Arlanza, DO Binissalem-Mallorca, DO Bulas, DO Calatayud, DO Campo de Borja, DO Cariñena, DO Catalunya, DO Cigales, DO Condado de Huelva, DO Xerez-Xéres-Sherry e DO Manzanilla-Sanlucar de Barrameda, DO La Mancha, DO Vinos de Madrid, DO Montilla-Moriles, DO Monterrei, DO Navarra, DO Rías Baixas, DO Ribeira Sacra, DO Ribeiro, DO Ribera del Duero, DO Ribera del Guadiana, DO Ca. Rioja, DO Somontano, DO Tacoronte-Acentejo, DO Uclés, DO Utiel-Requena, DO Valdepeñas e DO Yecla.