Volver

15 de Decembro

A vendima 2021 na D.O. Rías Baixas alcanza a cifra histórica de preto de 44 millóns de Quilos de uva recolleitas

A D.O. Rías Baixas protagonizou a vendima máis abundante da súa historia ata o momento con 43.809.134 kg, un incremento do 27% con respecto á anterior. Unha campaña, que se prolongou durante 40 días, na que se viron implicadas 163 adegas, das 178 rexistradas na actualidade, e 5.046 viticultores.

Como novidade, desde o departamento técnico do Consello Regulador proporcionouse aos viticultores a posibilidade de tramitarlles co FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) a declaración de produción que estes deben presentar anualmente tras a vendima. Un servizo ao que se subscribiron máis de 4.000 viticultores, dos 5.046 adscritos, e que xorde tras a firma dun convenio de colaboración entre o Consello, o FOGGA e o AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) para facilitar o traballo ao viticultor. A vendima na D.O. Rías Baixas comezou o pasado 27 de agosto cos espumosos e finalizou o 7 de outubro: “no período comprendido entre o 11 e o 25 de setembro, de 15 días, recolleuse o 89% da colleita, resaltando o 18 de setembro cunha cifra récord de 4,7 millóns de quilos”, segundo explica o informe do departamento técnico, o cal fala de “unha vendima tranquila cun inicio un tanto revolto, meteorolóxicamente falando, pero cuxo resultado foi unha correcta calidade e estado de madurez da uva”. O rendemento medio por hectárea nesta campaña foi de 10.470 kg/ha, moi parecido á colleita de 2011. Trátase dun valor superior á media dos últimos 10 anos que foi de 8.095 kg por hectárea. As expectativas para os viños da anada 2021 son boas.

Desgregado por variedades

A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade, logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a Albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente deuse paso ás tintas e vendimas tardías. Na D.O. Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,15% da uva recollida, abandeiradas pola Albariño que superou os 42 millóns e medio de quilos, e seguida pola Caíño Branco, a Treixadura e a Loureira. As variedades tintas representan o 0,82% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida pola Mencía e o Caíño Tinto. En canto á produción por subzonas, dicir que o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción cunha representación do 67,8%, seguida polo Condado do Tea cun 20,1% e O Rosal co 9,2%. Na presente campaña de vendima participaron 163 adegas elaboradoras. Un total de 5.046 viticultores recolleron uva nas 4.184,18 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas, o que supuxo un aumento de 90,48 hectáreas con respecto á vendima de 2020.

Protocolo específico para vedores e persoal técnico

O resultado do protocolo e as normas de prevención específicas contra a COVID-19 para os 24  vedores/auditores e para o persoal técnico implicados na presente campaña de vendima novamente resultou todo un éxito. Estas directrices establecen unha serie de medidas para garantir a seguridade do labor de auditoría desenvolvida durante o proceso de recollida da uva coa intención de evitar, na medida do posible, os contaxios. Ademais das normas xerais –uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal-, establecéronse unha serie de especificidades relativas ás auditorías para realizar nas adegas rexistradas e en viñedo.