28 de xuño de 2018.- O Concello das Neves ultima os preparativos para a súa XIII Festa do Tinto Rías Baixas, que terá lugar entre hoxe e o vindeiro 8 de xullo. A celebración ofrecerá dúas semanas de variadas actividades que terán os viños desta Denominación de Orixe como principal fío condutor.
A presentación do amplo programa de actos desenvolveuse esta mañá no Pazo de Mugartegui e contou coa presenza do secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e co alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez. Na súa intervención, Huidobro destacou a importancia e o potencial dos tintos de Rías Baixas. Estas elaboracións serán as protagonistas da festa.
Xosé Manuel Rodríguez, pola súa parte, encargouse de debullar o programa de actos, “no que ofreceremos propostas para todos os gustos e sempre tendo os viños de Rías Baixas como nexo común de todas elas”. O rexedor animou a todo o mundo “a acudir a esta celebración na que poderán descubrir os nosos viños, a nosa gastronomía e a nosa contorna natural, cultural e patrimonial”.
As actividades comezarán hoxe coa inauguración da exposición fotográfica As estacións do tinto, de Ana Araujo.A mostra, que abrirá as súas portas ás 20:00 horas na biblioteca das Neves, poderá ser visitada ata o 13 de xullo.
As propostas enogastronómicas poranse en marcha esta fin de semana coa celebración da cea maridaxe En dous tempos. A actividade permitirá ás personas participantes gozar de dous viños e de dous petiscos en dous restaurantes do municipio (Vide Vide e Donde vamos?) a un prezo de 15 euros e de 8 euros.
Xa para o sábado 30 de xuño resérvase o comezo da Ruta dos Pinchos, na que participan seis establecementos hosteleros das Neves. Vide Vide, Chiringuito, Fausto, Valeriano, Donde Vamos? e Era Visto ofrecerán petiscos e un viño 2,50 euros. Esta actividade manterase ata o 6 de xullo.
Para poñer en valor os tintos de Rías Baixas o enólogo David Pascual dirixirá o vindeiro 3 de xullo unha cata profesional. A cita desenvolverase ás 20:30 horas e ten limitado o aforo a 30 persoas. As reservas deben formalizarse no 679 453 206.
Harmonizando cultura e enología, a XIII Festa do Tinto Rías Baixas ofrecerá os días 4 e 5 de xullio o ciclo Cine e viño coa proxección da película Entre Copas e do documental O Viño de Rubiós. Ambas as dúas citas serán ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal das Neves.
Pola súa parte, a adega Señorío de Rubiós acollerá unha sesión de Viño e Jazz cun concerto de Jazzic-piano guitar, o venres 6 de xullo ás 21:30 horas. O prezo desta actividade é de 6 euros, incluíndo a degustación de dous viños e un petisco. As reservas poden efectuarse no teléfono 986 66 72 12 ou en info@rubios.com.
Túnel do Viño
A fin de semana grande da XIII Festa do Tinto Rías Baixas das Neves comezará el sábado 7 de xullo coa apertura da feira, que terá lugar ás 20:00 horas, e contará coa actuación do grupo de performances Pablo Méndez. No recinto feiral tamén haberá postos de comida, un espazo de descanso e outro infantil
Ás 20:30 horas, abrirá as súas portas o Túnel do Viño no que se amosarán unhas 30 marcas pertencentes a unha quincena de adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O prezo da entrada é de 10 euros.
O Túnel do Viño abrirá novamente as súas portas o domingo 8 de xullo ás 11:00 horas para que as persoas que asistan a esta celebración poidan degustar a ampla variedade de elaboracións desta Denominación de Orixe. Especialmente destacada será a presenza dos Tintos Rías Baixas, os verdadeiros protagonistas desta festa.
Ruta de sendeirismo
A Ruta do Viño Rías Baixas tamén participará na XIII Festa do Tinto das Neves coa organización dun percorrido sendeirista entre viñedos e adegas. A actividade, de balde, comezará ás 9:00 horas e levará as participantes polas adegas asociadas Señorío de Rubiós e Viña Nora para despois finalizar no recinto feiral onde se ofrecerá un aperitivo con viños de Rías Baixas.
Ás 12:00 horas do domingo, terá lugar o pregón da festa, que correrá a cargo de Antonio Durán, Morris, para despois continuar coa actuación da Barca de Loimil (12:30 horas). A sesión vermú estará amenizada por Lilicleta, disco retro.
O programa de actos concluirá coa actuación de Fran Rey, co espectáculo infantil titulado A historia de Blancaflor (19:00 horas) e coa música indie-folk galega de Caxade, ás 20:00 horas.