O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas inaugurou este mediodía o seu Túnel do Viño e as Catas Temáticas no Salón José Peña de Cambados, dentro da programación da LXVI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas. Ao acto de apertura acudiron o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o secretario xeral da entidade, Ramón Huidobro; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, entre outros.
Juan Gil de Araujo explicou que o obxectivo do Consello Regulador con estas iniciativas é “poñer á disposición dos amantes do viño ata 161 marcas pertencentes a 60 adegas da D.O. Rías Baixas nun espazo alternativo e complementario á propia festa, cun entorno máis íntimo, silencioso e profesional que permite saber máis en profundidade que están facendo as adegas de Rías Baixas”.
O vicepresidente da Xunta considera que o Túnel do Viño e as Catas Temáticas son “un magnífico complemento para o núcleo central da festa”. Alfonso Rueda definiu a industria do viño como un motor de máxima relevancia para a xeración de emprego e riqueza nos ámbitos da gastronomía e o turismo en Galicia. A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, abogou por repetir esta iniciativa ano tras ano e por manter a colaboración entre o Concello e o Consello Regulador.
Máis de 700 participantes en 2017
O Túnel do Viño e Catas Temáticas da D.O. Rías Baixas en Cambados son xa unha cita ineludible para as persoas interesadas en coñecer en detalle os viños da denominación. A participación nestas actividades é crecente ano tras ano. De feito, en 2017 superáronse os 700 visitantes. O Consello Regulador confía en incrementar a cifra este ano.
Por un prezo de 15 euros, os visitantes poden degustar 161 marcas pertencentes a 60 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O horario de apertura das instalacións é de 12:00 a 14:30 horas e de 19:00 a 21:30 horas o xoves e o venres, mentres que o sábado e o domingo abren de 11:00 a 15:00 horas. Paralelamente, once adegas de Rías Baixas protagonizan trece catas temáticas ata o domingo.