23 de setembro de 2024.- Un grupo de 17 formadores da Wine Scholar Guild procedentes de Estados Unidos (5), Reino Unido (5), España (2) e Australia, Brasil, China, Corea e Canadá visitan estes días a Denominación de Orixe Rías Baixas, onde esta mañá participaron nunha cata de viños. Encabezados por Rick Fisher, director do programa de estudo certificación “Spanish Wine Scholar”, é a primeira vez que a mayoría deste grupo visita a Denominación de Orixe Rías Baixas, unha das denominacións de orixe fundamentais para a programación de viños de España do Wine Scholar Guild (www.winescholarguild.com).
Rick Fisher describiu a devandita cata como “unha actividade incrible pola posibilidade de probar un gran abano de viños de Rías Baixas, especialmente viños con crianza que son máis descoñecidos nalgúns mercados”. Ademais, durante esta sesión de cata os formadores puideron “degustar viños que non están presentes nos seus mercados”. Fisher destacou que para min “albariño é Rías Baixas e Rías Baixas é albariño. A expresión destes viños, a súa identidade non ten nada que ver cos albariños que se elaboran no resto do mundo, por exemplo cos de California, que é onde eu vivo”.
Nika Shevela, formadora de viños españoles e participante desta viaxe, asegura que “a gran lección desta cata está na diversidade de estilos, na gran expresividade… Rías Baixas é unha tarxeta de presentación de viños españoles pero non so de brancos senon tamén dese 1% de tintos”. A formadora entende que “ao final, albariño é o buque insignia, pero hai tantos estilos por descubrir. A D.O. Rías Baixas é moi interesante porque nela podemos atopar tintos de 12º, pero tamén brancos con salinidade, expresividade, no so pola climatología senon polos chans e outros factores”.
Como vén sendo costume, a primeira parada desta viaxe foi na sede do Consello Regulador, no Pazo de Mugartegui, onde participaron nunha charla e un túnel do viño. Nesta cata puideron degustar 39 marcas de diferentes tipoloxías de viño como barricas, viños monovarietais, como o de Loureira, así como distintas colleitas desde a 2012, pasando pola 2013, 2015 ata a 2022. Deste modo, a expedición de formadores de viños españoles de Wine Scholar Guild puido comprobar o ben que envellecen os viños de Rías Baixas. Completarán a xornada de hoxe luns cunha visita a varias adegas na subzona do Salnés e cunha viaxe en barco pola Ría de Arousa. Mañá martes trasladaranse á subzona do Rosal, onde coñecerán catro adegas desta denominación.