Volver

18 de Novembro

As adegas da D.O. Rías Baixas incrementan as súas exportacións en máis dun millón de litros durante a última campaña

18 de novembro de 2021.- As vendas internacionais dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas manteñen a súa fortaleza, que se constata polo crecemento dun 12,22% en volume e dun 14,33% en valor durante a campaña 2020/2021 (desde o día 31 de agosto de 2020 ao 1 de setembro de 2021). As exportacións a mercados internacionais ascenderon a 9.263.352 litros e 52.245.671 €, o que supón un incremento dun millón de litros e 6,5 millóns de euros con respecto á campaña anterior.

O prezo medio do litro vendido sitúase por riba da media nacional, acadando os 5,64 €, cunha suba de 0,10 € respecto á pasada campaña e superando as cifras anteriores á pandemia. Das máis de 179 adegas que integran esta denominación, unha maioría, concretamente 107, apostan pola exportación.

Estas cifras históricas tradúcense en 12.351.136 botellas de viño de Rías Baixas, repartidas en máis de 70 países. Nin a crise sanitaria nin a incertidume económica, nin os aranceis impostos pola administración de EEUU aos viños, nin as ameazas do Brexit, puideron co sector de Rías Baixas, que unha vez máis dá síntomas de fortalezas nas súas vendas no exterior.

Mercados

Cabe destacar os incrementos de Holanda (+50%), de Irlanda (con case o 28%), Puerto Rico e México (+23,82% e +22,67%, respectivamente). Esta tendencia ao alza tamén se amosa noutros mercados como Estados Unidos (+13,36%), Reino Unido (+13,66%), cada vez con cifras máis parlljas en volume, así como Suecia (+13,20%). Aínda non están dentro do top-ten pero destacan, pola súa tendencia ao alza e boas cifras, República Dominicana, con 156.524 litros, e Xapón, con 120.833 litros. A Unión Europea manténse como principal comprador en volume dos viños de Rías Baixas con 4.226.121 litros e un crecemento do 8,83%; mentras que, en valor, América se posiciona como o número un: 25.013.900 €, cun aumento do 20,59%.

Pode resultar reiterativo pero o labor de máis de 20 anos realizado polo sector da Denominación de Orixe. Rías Baixas nos mercados exteriores segue dando os seus froitos. Un traballo de  internacionalización desenvolto polas adegas baixo o paraugas da marca Rías Baixas e co imprescindible apoio do Consello Regulador e os diferentes organismos.

Plans de promoción

O Consello Regulador mantivo os seus plans de promoción específicos en diferentes mercados para apoiar a internacionalización dos seus viños durante 2020 e 2021. En concreto, desenvolveu campañas en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, México, Polonia e Canadá. A estes plans hai que sumarlle tamén accións puntuais en distintos mercados como República Dominicana, países de Europa Central e Oriental e Rusia. Estas actividades de promoción desenvolvéronse presencialmente cando a situación sanitaria lo permitu e, en caso contrario, optouse por desenvolvelas de forma dixital.  Das 179 adegas inscritas, 107 se atopan exportando.