Volver

27 de Febreiro

BO POSICIONAMENTO DOS VIÑOS DE RÍAS BAIXAS NO MERCADO NACIONAL E INTERNACIONAL

27 de febreiro de 2024.- A Denominación de Orixe Rías Baixas celebrou hoxe un almorzo cos medios de comunicación de Santiago, aos que trasladou o bo momento que viven os viños galegos, en concreto os de Rías Baixas como a denominación de orixe máis grande de Galicia.

Durante o devandito encontro, o presidente e o secretario da Denominación de Orixe, Isidoro Serantes e Ramón Huidobro, trasladaron aos medios de comunicación a súa aposta pola calidade na que levan traballando desde a constitución do Consello Regulador e que lles está permitindo incrementar o valor destes viños atlánticos tanto a nivel nacional como internacional.

En España

A nivel nacional, Rías Baixas atópase entre as Denominacións de Orixe mellor situadas, segundo datos da Consultora NielsenIQ no seu informe de setembro de 2023. Os viños de Rías Baixas amosan o seu bo posicionamento no mercado español nos canles de alimentación e HORECA, sendo a cuarta D.O. en valor de vendas de viño con Denominación de Orixe. Posición que mellora, ascendendo ao segundo lugar en ambas canles cando falamos de valor en viño branco con denominación.

Mercado internacional

Dentro desta estratexia de apostar polo valor e a calidade dos viños de Rías Baixas, levada a cabo polo seu Consello Regulador, as exportacións en 2023 amosaron un ascenso en valor dun 2,54%, acadando os 60.594.125 €, resultando un prezo medio exworks de 7,78 € o litro.

Estados Unidos segue ocupando a primeira posición en valor, seguido de Reino Unido, Porto Rico, Irlanda, México, Suecia, Países Baixos (Holanda), República Dominicana, Alemaña e Canadá. Os dez primeiros destinos representan case o 80% do valor das vendas internacionais. O continente americano é o que máis viño desta denominación de orixe galega importa.