Volver

15 de Maio

Cerca de 400 profesionais do sector asistiron ao Salón de Viños da D.O. Rías Baixas en Málaga

15 de maio de 2018.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizou onte o seu segundo Salón de Viños de 2018 no NH Málaga. Un evento ao que acudiron preto de 400 prescritores da provincia (distribuidores, catadores, hostaleiros…), interesados pola evolución destes viños atlánticos. Oitenta e dúas marcas, pertencentes a vinte adegas, amosaron o traballo que actualmente se está realizando nesta denominación con viños entre os que se atopaban viños das colleitas desde 2011 ata 2017 e tamén elaboracións especiais como escumosos, viños en madeira, sobre leas e tintos con D.O. Rías Baixas.

O público asistente puido profundar nas singularidades dos viños de Rías Baixas, que organizaron unha presentación nesta cidade por cuarta ocasión, tras a última visita en 2014 a Málaga e en 2015 a Marbella. Dada a importancia deste mercado para esta Denominación de Orixe, ata alí desprazáronse o presidente, o secretario xeral e a directora do departamento de márketing do Consello Regulador, Juan Gil, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, respectivamente.

Este ano presenta boas perspectivas para a D.O. Rías Baixas, que espera contar cunha colleita abundante e de boa calidade. Isto permitiralle seguir crecendo dunha forma racional e cumprir coa demanda do mercado. Precisamente, esta denominación rexistrou un incremento dun 9,31% de viño cualificado en 2017 con respecto ao exercicio anterior, o que se traduciu en 24.856.016 litros e en 33.141.354 contraetiquetas.

Mercado Málaga
Segundo datos da Consultora Nielsen do pasado mes de outubro de 2017, Málaga atópase dentro da área 3 ou Área Sur, que integra a Comunidade Autónoma de Andalucía xunto a provincia de Badaxoz. Os viños de Rías Baixas representan o 6,2% dese mercado, sendo o segundo mercado nacional en que máis creceron en 2017, concretamente un 1,2%. Ademais, dentro dos viños con denominación de orixe españois que máis se venden en Andalucía, os de Rías Baixas ocupan a quinta posición. Os principais focos de venda desta denominación na devandita comunidade autónoma son Málaga e Sevilla, cidades nas que este Consello Regulador organiza eventos con certa asiduidade, principalmente dirixidos ao sector profesional, e que lles están reportando bos resultados, como se pode comprobar nos datos extraídos de Nielsen.

Rías Baixas aumentou a súa cota de mercado ata 2,9 puntos, o que lle permitiu subir da oitava á sétima posición nas vendas totais de viños con Denominación de Orixe no mercado nacional en 2017. No caso das vendas de viño branco con D.O., Rías Baixas mantén a segunda posición cunha cota de 10,6 puntos, un 1,1 máis que o ano anterior.