Volver

17 de Outubro

CINCO PRESCRIPTORES IRLANDESES COÑECEN A DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS

Cinco prescriptores irlandeses participan esta semana nunha misión inversa na Denominación de Orixe Rías Baixas. Son un grupo de profesionais relevantes no mundo do viño que están coñecendo de primeira man o traballo realizado por viticultores e adegas.

A expedición visitou onte a subzona do Salnés e hoxe estará na do Condado, coñecendo adegas e viñedos. En total coñecerán sete adegas de diferentes características para así facerse unha idea do modelo empresarial de Rías Baixas. A maiores, achegaranse tamén aos viñedos, comprendendo sobre o terreno o minifundio característico da Denominación así como o seu sistema de conducción en emparrado.

Antes de iniciar esta andadura polo territorio de Rías Baixas, os cinco prescriptores participaron nunha charla e cata de vinos na sede do Consello Regulador, onde cataron 20 marcas pertenecentes a 11 adegas da denominación. Os viños que puideron probar eran de diferentes tipoloxías: escumosos, elaboracións sobre lías e tamén de diferentes colleitas, desde a 2014, pasando pola 2017 e 2010, ata unha gran maioría da colleita 2022.

Irlanda é un dos mercados estratéxicos que se recollen no Plan Director 2030, presentado recentemente polo Consello Regulador. De feito, trátase dun país que conta cun plan promocional propio e que ocupa o terceiro lugar como destino de exportación, tanto en volume como en valor. Un mercado que, ademais, non para de medrar.

Prescriptores

Brigid O’Hora, consultora independente sobre viños e unha das educadoras dixitais máis dinámicas de Irlanda. Posúe o Diploma WSET en viño, cunha mestría en Xestión Hotelera. Especialista en viños españoles, leva máis de 20 anos traballando en hostalería e montou o seu propio curso de viños, “Viñedos Virtuais”. Brigid colabora periódicamente creando eventos para diferentes empresas e tamén con diversas publicacións online sobre alimentos e bebidas.

Sinead Smyth, consultora de viños independente traballa con minoristas, importadores e en campañas de relacións públicas. É presidenta de Wine Spirit Women, unha organización sen ánimo de lucro para mulleres que traballan no comercio das  bebidas co obxectivo de brindar educación, titoría e fortalecer a voz das mulleres dentro do sector. Sinead ten unha licenciatura en Artes Culinarias de TUD e unha Mestría en Insight and Innovation de DCU, onde formou parte do programa de talentos de Bord Bia. Ademais, posúe WSET 3 e recentemente completou un curso de Especialista en Viños Españoles co ICEX.

Blanca Valencia é escritora gastronómica, conferenciante e experta en gastronomía española. Está moi interesada na relación da cultura coa comida e bebida, especialmente na gastronomía das rexións vitivinícolas españolas. Ten un Gran Diploma de Le Cordon Bleu de Londres e una Mestría en Gastronomía, así como estudos de Alimentación de TU Dublin e a súa experiencia inclúe dirixir a cociña de proba en Books. En Irlanda colabora co ICEX e co Instituto Cervantes. Posúe o certificado WSET 2 e realizou o curso de Especialista en Viño Español ICEX. The Irish Examiner seleccionouna como unha das 50 principais heroínas da nova comida irlandesa por promover comidas e bebidas españolas e os vencellos entre Irlanda e España. Blanca escribiu para Irish Country Living, Scoop Magazine e Food and Wines from Spain.

Sarah McGuinness é unha xornalista de 22 anos que vive en Dublín. Estivo traballando como asistente editor de novas do Business Post desde maio e desfruta aprendendo moito sobre o mundo do dereito, os negocios e a política, e agora sobre comida e viño. Esta será a súa primeira visita a Rías Baixas.

Matthew Nugent escribe e promociona o viño desde hai case 25 anos. Anteriormente foi corresponsal de viños do Evening Herald e do Irish Daily Mail. Desempeñou o mesmo papel no Irish Sun, o tabloide de maior circulación de Irlanda, durante os últimos once anos. Na súa sede de coñecementos viaxou extensamente por Europa, América, Sudáfrica e Australia. Matthew impartiu clases e cursos educativos durante moitos años, dando vida á fascinante historia, xeografía e linguaxe do viño. Finalmente, tamén deu numerosas conferencias sobre os viños de España e Portugal, rexións vinícolas ás que lle ten especial cariño.