Os viños de Rías Baixas renovan a súa participación na undécima edición da feira International Wine & Spirits Fair 2018, que se celebra estes días, concretamente do 9 ao 11 de novembro, en Hong Kong. A participación das marcas de Rías Baixas increméntase este ano ata 50, cunha representación de 26 adegas.
A Hong Kong desprazáronse Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador, e Eva Mínguez, directora do Departamento de Marketing, para darlle a coñecer ao prescriptor asiático as características destes viños atlánticos. Os importadores procedentes de diferentes países asiáticos como China, Xapón ou Tailandia, entre outros, xa empezan a coñecer estes viños pola súa presenza ano a ano nesta feira: “o certo é que os viños brancos temos moito traballo que facer neste mercado no que, pouco a pouco, imos atopando o noso sitio. No caso concreto da Denominación de Orixe Rías Baixas, os profesionais xa se achegan ao noso stand para interesarse pola variedade albariño, incluso algúns xa nos preguntan por marcas” explica Eva Mínguez.
A relevancia desta cita está en que na súa edición anterior contou con máis de mil expositores e 38 países participantes, ao que hai que sumar os máis de 19.800 profesionais procedentes de 75 países. En canto ao público non profesional que pasou pola feira en 2017 ascendeu aos 20.000 participantes.
O mercado asiático é un dos puntos de interese para a Denominación de Orixe Rías Baixas, especialmente Xapón, seguido por China. Nos dous países lévanse anos traballando desde o punto de vista promocional. De feito, no caso deste último mercado a evolución das vendas os últimos anos é moi positiva. A China exportáronse 31.348,88 litros no exercicio 2017, cun incremento do 6,73 % respecto ao exercicio anterior. Trátase dun mercado cun alto poder adquisitivo, pois 7,41 millóns de habitantes posúen unha gran capacidade de compra. A iso hai que sumarlle que é un porto franco e carece de arancies e impostos sobre o vino, o que o converte nun centro re-exportador da zona. Ademais practicamente todo o viño que se consume en Hong Kong é de importación.