Consello Regulador DO Rías Baixas

O consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, como no resto das denominacións de orixe vitivinícolas de España, é o órgano reitor da DO Rías Baixas e o máximo garante ante o consumidor da calidade e orixe dos seus viños. A Denominación de Orixe Rías Baixas é a unión dos produtores (viticultores) e elaboradores (adegas) do territorio definido no prego de condicións da DO Rías Baixas. Entre ambos deciden cal é a mellor forma de traballar a terra e de elaborar o viño de acordo coas características intrínsecas das Rías Baixas e cun traballo contrastado no tempo, para que un produto vencellado a esta orixe teña a máxima calidade.

As nosas funcións

As principais funcións do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas son o control da orixe, a certificación de calidade, o control dos mercados e a promoción dos seus produtos amparados pola DO. Coñéceas!

Control da Orixe

O Control de Calidade na denominación de orixe Rías Baixas comeza no momento da inscrición do predio nos rexistros do consello. Pouco antes da vendima, estímase a produción e a calidade da uva nunha porcentaxe representativa de parcelas das distintas subzonas da denominación de orixe. Durante a vendima, o consello regulador, mediante os seus inspectores, realiza auditorías nas adegas para comprobar que se cumpran os requisitos que exixe o prego de condicións, así como nas normas de vendima aprobada.

Certificación de Calidade

Os viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas verifícanse partida por partida. Así, cada vez que unha adega cualifique unha cantidade de viño, deberá solicitar a autorización ao consello regulador, que envía un inspector á adega para que tome mostras do viño e precinte o depósito. Estas mostras sométense a un exame analítico instrumental (físico e químico) nun laboratorio acreditado pola ENAC na UNE-EN ISO/IEC 17025, así como a unha análise organoléptica ou sensorial, que realiza un panel de catadores do consello regulador, co obxectivo de realizar unha verificación, antes de embotellar, da eficacia dos mecanismos de autocontrol da calidade da adega.

Ademais, as adegas reciben anualmente diferentes auditorías de certificación, operacionais e de vendima.

O consello regulador tamén se preocupa polo coidado e a defensa dos viños incluídos na denominación. Para iso, colabora con outros organismos, como a ICA nos controis de produtos, para previr a fraude nos mercados e realiza os seus propios controis no mercado.

Promoción dos viños

Outra das principais funcións do consello regulador é a promoción da denominación de orixe e dos viños que ampara. Este labor permitiu introducir os viños, non só por toda a xeografía española, senón tamén en numerosos mercados internacionais.

Durante este período, o coidado traballo desenvolvido por todos os axentes implicados nesta denominación (adegas, viticultores, Administración e persoal do consello) serviu para xerar unha gran riqueza naquelas zonas ao amparo da denominación de orixe Rías Baixas, que colocou ao sector vitivinícola no segundo posto en canto á importancia económica.

Acreditación da ENAC

O consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas está acreditado pola Entidade Nacional de Certificación (ENAC) dende novembro de 2014, que se renova anualmente. Trátase dunha acreditación internacional segundo a norma UNE-ISO/IEC 17065, que cumpre coas exixencias derivadas da OCM do viño para todas as indicacións de calidade europeas. Con esta acreditación, o órgano de control e certificación, responsable de garantir os viños desta denominación de orixe durante todo o seu proceso, reforza a fiabilidade e garantía dos viños das Rías Baixas para o consumidor.

Documentos

Ademais, todo este traballo que realizou o Consello Regulador, adega e viticultores durante anos xerou unha ampla e detallada documentación que detalla todo o proceso, dende o Manual de Calidade, o Prego de Condicións, os procedementos de funcionamento e as instrucións técnicas, ata as normas específicas de vendima, etiquetaxe e elaboración de espumosos.

A nosa sede

A sede do consello regulador atópase no Pazo de Mugartegui, na Praza da Pedreira de Pontevedra, que recibe este nome polas actividades de talla de pedra que alí realizaban os canteiros da cidade do Lérez. O Pazo de Mugartegui construíuse durante os séculos XVII-XVIII, é un fermoso exemplo de arquitectura urbana do Barroco, obra do mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, que rematou a construción (excepto o gablete do escudo) no 1771.

O Pazo de Mugartegui posúe unha fachada cos escudos das familias Figueroa, Araújo, Miranda e Quirós e, coroando a construción, un magnífico exemplo de reloxo de sol. Na actualidade, é propiedade do Concello de Pontevedra, quen encargou a súa rehabilitación e restauración ao arquitecto Jesús Aser Fole e cedeu o devandito local ao consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas. Tras a súa restauración, inaugurouse para estas novas funcións en marzo do 2001.

As nosas noticias

O día a día na denominación de orixe Rías Baixas é intenso. Aquí poderás descubrir as nosas actividades de promoción e estar ao día da actualidade arredor dos nosos viños Rías Baixas.

Subscríbete ao noso newsletter

Apúntate ao noso newsletter e serás o primeiro en recibir as nosas noticias e actualizacións:

    ¿Eres particular o profesional?
    * Campos obligatorios

    Sala de Prensa

    Se es un profesional dun medio de comunicación e buscas información acerca de nós, podes consultar o noso expediente de prensa, utilizar o noso material gráfico e coñecer as nosas campañas.

    Contacta con nós

      * Campos obligatorios