Volver

29 de Maio

O Consello Regulador organizou por primeira vez un showroom en Amsterdam

29 de maio de 2018.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas organizou onte, por primeira vez, un Show Room dos seus viños en Amsterdam. Na xornada participaron 15 adegas da denominación con 29 marcas de viños. A través desta iniciativa pretendeuse que importadores, catadores, distribuidores, tendas de viño, prensa, chefs, escolas de sumillería, hostalería e catadores puidesen profundar nos seus coñecementos sobre os viños de Rías Baixas. O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a directora do Departamento de Márketing, Eva Mínguez, desprazáronse á cidade holandesa para participar nesta acción promocional.

A iniciativa desenvolveuse na Capela de St. Olof, unha antiga construción do S. XV, recentemente restaurada como hotel NH Amsterdam, en pleno centro da cidade. Desde as 11:30 ata as 16:30 horas, os prescritores holandeses participaron nunha xornada que incluíu unha Masterclass impartida por Germán Muñoz e protagonizada por oito viños desta denominación, pertencentes ás subzonas do Condado do Tea, O Rosal e O Salnés.

Precisamente, esta clase maxistral, na que participaron 40 profesionais holandeses, foi moi “interesante para eles, xa que tiveron a oportunidade de preguntar diferentes cuestións relacionadas con estes viños como a influencia do clima atlántico na elaboración dos Rías Baixas. De feito, chamáronlles moito a atención as diferentes elaboracións”, explicou Eva Mínguez. Tamén puideron descubrir a filosofía de cada adega, pois as 15 empresas contaron cunha mesa para atender persoalmente aos profesionais asistentes. Despois ofreceuse un aperitivo, maridado cos viños de Rías Baixas.

Quinto mercado exterior
Holanda é o quinto mercado exterior dos viños de Rías Baixas. O pasado ano exportáronse a este país un total de 224.648,00 litros, un volume que se traduce en 431.868,43 €. O BENELUX conta cun plan promocional no que se desenvolven actividades específicas ao longo de todo o ano.