Dez importantes prescritores de BENELUX visitan estes días a Denominación de Orixe Rías Baixas. Kris Lismont, Luc Dewulf, René Persoon, Pieter Doomen, Stéphane Dardenne, Andy de Brouwer, Margaux Balemans, Maxime Sanzot, Germán Muñoz e Lukas Wiegman son grandes coñecedores dos viños de Rías Baixas, pero fóra de dous, todos visitan por primeira vez esta denominación. O obxectivo desta viaxe é coñecer o territorio de Rías Baixas, descubrir de primeira man o traballo que están a levar a cabo as adegas, así como ampliar os seus coñecementos sobre os viños que se elaboran nesta Denominación de Orixe.
Neste grupo de profesionais atópanse os presidentes da Asociación de Catadores belga, do gremio de catadores flamencos, o mellor catador de Bélxica en 2023, e a vicecampeona do certame do mellor catador de Bélxica en 2024, así como os máis relevantes catadores de ambos os países.
O percorrido centrouse en visitar tres das subzonas desta denominación. Esta mañá, a expedición de profesionais participou na sede do Consello nunha charla e cata de todas as marcas que se atopan dentro da campaña promocional en Benelux.
Un dos prescritores explica que este grupo está gratamente sorprendido co que están a ver e coñecendo, porque corrobora: “a gran calidade dos viños de Rías Baixas pola súa acidez natural, que conseguen grazas ao chan granítico e, tamén, ao microclima de Rías Baixas, a choiva e o sol, así como as notas salinas que obteñen do chan granítico e a proximidade ao mar”. Non en balde Rías Baixas é “a denominación española con mellor acidez natural” explica este profesional, quen define aos viños de Rías Baixas como “complexos, elegantes e equilibrados”. Ademais engade que todo o grupo coincide no gran potencial dos viños espumosos de calidade de Rías Baixas para longa garda, precisamente por esa acidez natural dos viños desta rexión atlántica.
Durante a cata desta mañá na sede do Consello Regulador, o grupo de prescritores probaron un total de 34 marcas de Rías Baixas de diferentes subzonas que participan na campaña promocional de BENELUX. Na súa maioría da anada 2022, pero tamén puideron degustar algunha nova anada 2023, así como anadas de 2015, 2018, 2020 e 2021.
Dous mercados no top-ten
Países Baixos e Bélxica sitúanse entre os dez primeiros destinos dos Rías Baixas no estranxeiro en 2022, concretamente son o sexto e sétimo. A Países Baixos exportáronse 307.701,75 litros, mentres que a Bélxica 293.030,90 litros. Por iso, o Consello Regulador conta cun Plan de Promoción específico en ambos os países desde fai quince anos. Ademais das visitas de prescritores, tamén se poñen en marcha outro tipo de accións como colaboracións coas principais escolas de hostalería e asociacións de sumillerías e catadores…
Na actualidade, das 181 adegas adscritas a esta denominación 109 atópanse xa en plans de exportación, máis dun 56%.
Participantes
KRIS LISMONT
Presidente da asociación profesional de catadores belgas, unha das máis activas de Bélxica. Catador e importador.
LUC DEWULF
Presidente do gremio de catadores flamencos. Trátase da maior asociación de catadores de catadores de Benelux.
RENÉ PERSOON
É un dos Catadores máis coñecidos e recoñecidos de Benelux. Presidente de Honra do gremio de catadores holandeses.
PIETER DOOMEN
Sommelier, especialista e Embaixador de Champagne, ademais de escritor e maior especialista en viños do gremio de catadores flamencos.
STÉPHANE DARDENNE
Mellor Catador de Bélxica 2023. Un dos máis respectados e coñecidos catadores de dichopaís. Head Sommelier Rest. L’air du temps, Michelin.
ANDY DE BROUWER
Catador, Wine Consultant, propietario do restaurante Lles Eleveurs en Bruxelas. Ex mellor maître de Hotel de Bélxica.
MARGAUX BALEMANS
Vice campioa Mellor Catadora Bélxica 2024. Head Sommelier en Sanglier deas Ardennes, Durbuy, Belgium. Unha das catadoras belgas de maior proxección.