Volver

31 de Xaneiro

Dez viños de Rías Baixas protagonizarán unha sesión monográfica inédita na Barcelona Wine Week o próximo martes

A Denominación de Orixe contará cun stand propio no que organizará un túnel do viño no que participarán 40 marcas

 

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas serán un dos grandes protagonistas na Barcelona Wine Week, o salón de referencia do viño español de calidade que se celebrará do 3 ao 5 de febreiro na Fira de Barcelona. Dentro da extensa oferta de catas que ofrece este salón destaca unha sesión monográfica inédita con dez viños de Rías Baixas, que terá lugar o martes 4 de febreiro, de 12:00 a 13:30 horas, na sala Príncipe do Pavillón 8 do recinto de Montjuic.

Unha cata exclusiva, denominada “A mar de viños atlánticos”, dirixida polo catador e xornalista Ramón Francás e á que asistirán o presidente e o secretario xeral do Consello Regulador, Isidoro Serantes e Ramón Huidobro. Nela intervirán tamén os representantes das adegas de cada un dos dez viños escollidos para a cata, que dispoñerán de tres minutos para explicar as calidades das súas elaboracións aos asistentes.

 

A mellor cata en Barcelona

A selección dos dez viños protagonistas desta sesión exclusiva foron elixidos o pasado mes de setembro durante unha visita de Ramón Francás ao Pazo de Mugartegui na que estivo acompañado por Céline Pérez e Marta Macías, directora e project manager da Barcelona Wine Week, respectivamente. Nela avaliaron un total de 50 viños, entre os que seleccionaron os 10 para a cata do próximo martes.

“Nunca avaliaramos tantas marcas para esta cata exclusiva. Tivemos que deixar algún fose porque só tiñamos dez prazas. Foi moi difícil”, admitía Ramón Francás. Entre a decena de viños seleccionados figuran oito brancos, un tinto e un espumoso de calidade Rías Baixas. “Será a mellor cata dos viños Rías Baixas realizada nunca en Barcelona”, anunciaba.

 

Stand propio

A maiores, a Denominación de Orixe Rías Baixas estará presente cunha caseta propia na Barcelona Wine Week, onde organizará un túnel do viño no que participarán un total de corenta marcas. Uns viños que pertencen a anadas comprendidas entre 2022 e 2012.

A quinta edición da Barcelona Wine Week será a maior da súa historia, pois crecerá un 38% en superficie feiral, con 10.000 m2 de exposición, e un 33% en cifra de adegas presentes. En total reunirá a 1.266 empresas expositoras de 81 Denominacións de Orixe e outros selos de calidade, que exhibirán os seus mellores viños e buscarán establecer contactos comerciais cos miles de visitantes profesionais que asistirán ao salón.

Para abrir novas oportunidades de negocio aos expositores, o salón reforzou o seu programa Hosted Buyers onde, coa colaboración do ICEX, convidou a 770 grandes importadores e distribuidores de viños de todo o mundo, entre eles destinos como Estados Unidos, Canadá, Alemaña, Reino Unido, China, México, Xapón, Brasil, Colombia ou Corea do Sur. Xunto a eles estarán máis dun milleiro de compradores nacionais da gran distribución, o comercio especializado e a canle Horeca.