Trinta e seis adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas participan esta semana nunha misión comercial, organizada polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A través de distintos encontros, un total de 12 importadores de viño procedentes dos países bálticos e de Europa do Leste visitan as Rías Baixas para reunirse coas adegas desta denominación.
Os doce compradores proceden de Polonia (2), Letonia (2), Lituania (1), Estonia (2), República Checa (1), Rumanía (2) e Hungría (2). Este ano, por primeira vez, as reunións de traballo entre as distintas adegas trasladáronse á sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, en Pontevedra. Ata o de agora, esta misión de compradores tiña lugar en Vigo.
Os encontros terán lugar entre o luns 18 e o mércores 20 de novembro, en sesión de mañá, de 9:00 a 13:20 horas. Tras as reunións, nas que cada importador poderá conversar con cada unha das adegas participantes, os compradores poderán visitar algunha delas para coñecer en primeira persoa os procesos de produción. En total, está previsto que teñan lugar máis de 400 encontros profesionais.
Estas rexiones presentan grandes posibilidades de crecemento para a D.O. Rías Baixas. Na campaña 2023-2024 exportáronse ao Leste de Europa máis de 55.174,25 litros de viño, sendo Polonia o maior importador con 37.578 litros, seguida de República Checa con 9.461,75 litros, Hungría con 4.928,50 litros e Rumanía con 3.206 litros.
Tamén os países bálticos son un mercado en auxe. Na campaña 2023-24, esta rexión importou 31.835,75 litros de viño. Estonia é 0 maior importador con 12.499,25 litros, mentras que Letonia alcanzou os 11.430 litros e Lituania os 7.906,50 litros.