O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas acolleu, un ano máis, a cata da Guía Peñín. O responsable editorial, Javier Luengo, e o catador Alberto Buffoni avaliaron un total de 270 referencias, pertencentes á colleita 2017, que se contemplarán na vindeira edición da Guía Peñín.
Tras a realización da cata, Javier Luengo destacou que 2017 “foi un ano interesante en canto aos viños, parello aos de 2016, pero con algún matiz”. Neste sentido, indicou que se trata “dunha colleita cun punto de madurez que supón unha oportunidade para unha zona de clima atlántico como Rías Baixas”.
Precisamente esa madurez é a que achega “viños cun punto de acidez, pero que está compensada coa presenza de flor e de froita”. Unhas características que “en global, amosan unhas elaboracións cun estilo único e definido que permite diferenciar de xeito doado que son da Denominación de Orixe Rías Baixas”.
O responsable editorial da Guía Peñín valorou moi positivamente “a aposta que están facendo as adegas por crear viños máis elaborados, sobre todo en crianza sobre lías, e tamén en barrica”. Sobre as primeiras, asegurou que se trata dunha decisión moi acertada, posto que “tanto o envellecemento sobre lías como a acidez convértense en conservantes. Dan moito xogo e permiten ampliar os tipos de viños”, conclúe.
A Guía Peñín recolle 11.500 viños
A Guía Peñín é unha das publicacións de referencia para os viños españois a nivel nacional e internacional. A primeira edición da ‘Guía de Vinos y Bodegas de España’, de 1990, incluía uns 4.000 viños catados dunhas 1.200 adegas españolas, nunha época na que só existían 39 denominacións de orixe recoñecidas. Na actualidade, esta guía recolle máis de 11.500 vinos, o que a converte nunha publicación moi completa. A súa tiraxe anual é duns 15.000 exemplares.