Volver

24 de Xuño

O CONSELLO REGULADOR DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS CALIFICA A COLLEITA 2024 COMO “EXCELENTE”

O presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes Serantes, deu a coñecer hoxe a decisión do Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas de cualificar a Colleita 2024 como “Excelente”. Un anuncio que tivo lugar durante un acto celebrado hoxe en Madrid.

“A decisión foi tomada polo Pleno do Consello Regulador onte luns”, anunciou Isidoro Serantes, quen engadiu que “o mundo do viño é unha forma de vida, que en Rías Baixas levamos no noso ADN”.

“Nun momento no que o viño é obxecto de múltiples debates —sobre aranceis, tráfico, tecnoloxía ou incluso a súa consideración como alimento— nós queremos reivindicar o seu valor como patrimonio cultural, motor económico e símbolo de identidade. O viño, e en particular o que se produce na nosa Denominación de Orixe, está máis vivo ca nunca”, afirmou Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador.

O viño verificado da Colleita 2024 nesta Denominación ata 31 de maio de 2025 suma un total de 14.094.132 litros, o que supón o 48,6% do total do viño elaborado da colleita. Ademais, o informe técnico inclúe, entre outros, os datos relativos ao ciclo vexetativo do 2024, así como os resultados comparados da análise sensorial e fisicoquímica, en concreto de 599 mostras pertencentes a 128 adegas. Trátase dun proceso de certificación moi rigoroso, ao que se engade un sistema de cualificación tamén moi esixente cun panel de cata de 30 profesionais. Cada unha das mostras é avaliada por un mínimo de 6 catadores por sesión. Esta acción garante a calidade dos viños de Rías Baixas.

O panel de expertos do Consello Regulador enumera diferentes cualidades nos viños Rías Baixas da colleita 2024:

  • Fase visual: color amarelo palla, con tons verdosos, limpos e brilantes.
  • Fase olfativa: de intensidade alta, con notas frutais de manzá, froitos de oso, cítricos e flores brancas. Son viños complexos e moi varietais.
  • Fase gustativa: de gran potencia gustativa, con moi boa estrutura, longos, equilibrados, con acidez fresca, elegante e ben integrada. Son viños persistentes e posúen un gran potencial de lonxevidade.

Como xa é habitual nos viños de Rías Baixas, e que nesta ocasión resalta o propio informe, a Colleita 2024 amosará as súas grandes posibilidades de garda de cara á elaboración de viños con crianza para o segmento premium. 

Ciclo vexetativo

A viticultura en Rías Baixas non é doada e está marcada pola súa climatoloxía oceánica.  Así, o informe explica que o ciclo vexetativo iniciouse cedo, cunha floración irregular que desembocou nunha boa taxa de brotación, do 92,7%, e un índice de fertilidade de 2,2 acios/xema brotada. Seguindo esta tendencia temprana, a floración e purga comenzaron pronto. As condicións meteorolóxicas de xuño foron de alta humidade, noites con temperaturas altas e elevada insolación, unha situación idónea para o ataque de mildiu larvado, que sufriu o viñedo por esas datas. As mermas foron dun promedio do 16% e producíronse por pragas, enfermidades, xeadas, saraiba, frío e corremento de flor.

O ciclo vexetativo, algo adiantado, motivou que a vendima se iniciase a finais de agosto. A uva entrou nas adegas nun perfecto estado sanitario e cunha gran calidade. En total, recolléronse 42.1 millóns de quilos de uva nunha vendima que se pode calificar como “tranquila e ordeada”. 

Cata Degustación na Coruña

Por outra parte, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas organiza este xoves 26 de xuño unha Cata Degustación da Colleita 2024, que terá lugar en Espacio Avenida Abanca da Coruña. No devandito evento participarán máis de 70 marcas de viño con D.O.