O presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes Serantes; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; a deputada provincial Nava Castro; o presidente do Capítulo Serenísimo do Albariño, Pedro Piñeiro; e o alcalde de Cambados, Samuel Lago, inauguraron esta mañá o XII Túnel do Viño Rías Baixas. A cita, que se desenvovlerá ata o sábado 5 de agosto no Salón José Peña cambadés, acollerá un total de 164 marcas pertencentes a 66 adegas. Por outro lado, esta mañá tamén se iniciou a XXXV Cata Concurso Rías Baixas Albariño 2023 coa Cata Prima no Parador de Cambados.
Durante a inauguración, o presidente do Consello Regulador asegurou que “temos postas grandes expectativas nesta duodécima edición do Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados. Estamos ante unha proposta moi atractiva que cada ano crece en número de participantes. O ano pasado superamos as 400 persoas en tres días, nos que chegamos incluso a encher o aforo nalgúns momentos”.
Isidoro Serantes agradeceu “o esforzo que se fai dende o sector Rías Baixas para organizar este túnel”, que definiu como “unha oportunidade única de probar 164 marcas pertencentes a 66 adegas da Denominación de Orixe. É un espazo de cata máis tranquilo que inclúe unha ampla variedade de Rías Baixas da Colleita 2022, Rías Baixas Espumosos e elaboracións especiais que abraguen viños sobre lías, en madeira e incluso de parcelas ou de fincas, todos eles ordeados en mesas coas súas fichas de cata. E, para facilitar aos participantes esta experiencia, poñemos á súa disposición o asesoramento dun sumiller profesional, Sebastián González”.
Pola súa parte, o alcalde de Cambados amosouse moi satisfeito de que “algo que naceu como un experimento xa estea consolidado e veña ser como un complemento da Festa do Albariño destinado a personas especializadas, con coñecementos no mundo do viño e que queren probar, saborear e catar elaboracións diferentes”. Neste senso, Samuel Lago destacou que o túnel do viño está dirixido tanto a un público profesional como a aquel que “queira probar outras formas de facer viño. Se nas casetas probamos as elaboracións máis típicas e tradicionais, aquí xa se ven elaboracións máis innovadoras ou con características especiais que fan que resalten”.
Sobre o inicio da LXXI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados, Samuel Lago asegurou que “a sensación é moi positiva. Onte, para ser mércores e o primeiro día de festa, o Paseo da Calzada estaba a rebosar. As vendas, aínda que todavía non dispoñemos de datos, polas adegas coas que falei parece que foron moi boas e pola noite tamén había bo ambiente. Creo que foi un dos mellores arranques da Festa do Albariño dos que temos constancia e veremos como evoluciona ao longo destes días. A xente veu divertirse e a beber viño con moderación. E iso é o que desexamos”.
Desde a Deputación de Pontevedra, Nava Castro agradeceu o convite a participar nesta inauguración xa que “o mundo do viño e o enoturismo son un dos recursos máis importantes que temos na provincia, sobre todo no marco dunha festa declarada de interese turístico internacional onde as distintas actividades e a participación de tantas adegas con tantas variedades de viño falan moi ben do que temos como oferta vitivinícola”. A deputada provincial fixo fincapé en que “estamos en Rías Baixas, que non ten so praia como destino turístico senon que o mundo do viño é a gran oportunidade e potencialidade que temos para un desenvovlvemento non so do sector primario senon tamén do sector turístico que permita situar a nosa provincia a nivel nacional e internacional os 365 días do ano”.
Finalmente, o delegado provincial da Xunta de Galicia aproveitou para “felicitar ao Consello Regulador por esta experiencia, que está superconsolidada”, poñendo en valor a importancia da Denominación de Orixe Rías Baixas: “estamos falando de 4.000 viticultores, de 170 adegas e de que o 33% vai á exportación. A máis importante de Galicia e a segunda de España en viño branco”.
O XII Túnel do Viño amosará un total de 164 marcas pertencentes a 66 adegas da denominación. Cada un dos viños contará coa súa ficha de cata. O público asistente, que contará co asesoramento do sumiller profesional Sebastián González, disponá dun listado coas marcas participantes, información que poderán descargar nos seus dispositivos móbiles a través dun código QR. O horario de apertura das instalacións será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas o xoves e venres, mentres co sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas.
XXXV Cata Concurso Rías Baixas Albariño
Por outra banda, esta mañá tamén comezou a XXXV Cata Concurso Rías Baixas Albariño, que se desenvolve no Parador de Cambados, coa Cata Prima. O xurado, composto por 24 expertos, dividiuse en dous para proceder á valoración dos 55 vinos presentados a este certame. O venres terá lugar a Cata Derradeira, na que xa todo o Panel de Cata valorará os 12 viños que optan a facerse coas medallas de Ouro, Prata e Bronce.