1 de agosto de 2024.- O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes Serantes, inaugurou esta mañá a decimoterceira edición do Túnel do Viño, que se celebra no marco da LXXII Festa do Viño Albariño de Cambados. Unha actividade na que participan 180 marcas de 71 adegas e que poderá desfrutarse no Salón de Congresos e Exposicións José Peña o xoves 1 e o venres 2 de agosto, en horario de 11:00 a 22:30 horas, e o sábado 3 de agosto, de 11:00 a 14:30 horas.
No acto de inauguración, Isidoro Serantes estivo acompañado por Samuel Lago, alcalde de Cambados; Martín Alemparte, director de AGACAL; Silvestre Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; e Javier Tourís, deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamientos Públicos e Finca Areeiro, entre outras autoridades. Todos eles brindaron cun viño “Puerta Santa”, de Bodegas Morgadío, que obtivo a Medalla de Ouro na XXXV Cata Concurso Rías Baixas celebrada en 2023.
Oportunidade única
O presidente do Consello Regulador asegurou que este Túnel do Viño “é unha oportunidade case única no ano para catar 180 marcas de 71 adegas de todas as subzonas, que están hoxe aquí presentes. Non hai ningún túnel onde se poidan catar todos estes viños xuntos”. Ademais, Isidoro Serantes fixo fincapé en que “se trata dunha actividade consolidada dentro da Festa do Albariño de Cambados e que cada vez está máis demandada”.
Un punto no que coincidiu o alcalde de Cambados, quen asegurou que o Túnel do Viño é “un formato diferente dentro da Festa do Viño e que cada vez está tendo máis éxito. Vemos que cada vez hai máis demanda de entradas e tamén unha maior participación de adegas e elaboracións. Isto demostra que tanto a Denominación de Orixe como a Festa do Viño gozan de boa saúde”.
Rías Baixas, buque insignia do sector
Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) destacou que “accións deste tipo, que achegan o mundo do viño a toda a poboación dunha forma áxil e rápida e que permiten probar os diversos produtos que se elaboran en Rías Baixas son moi positivas”. Ademais, Martín Alemparte recoñeceu o traballo realizado na denominación: “o buque insignia do sector do viño é a Denominación de Orixe Rías Baixas. O Albariño Rías Baixas é coñecido internacionalmente e estes eventos, ademais de axudar ao propio sector do viño, son o mellor escaparate de como un sector organizado pode traballar en conxunto para alcanzar ose seus obxectivos”.
Silvestre Balseiros, que acudía por primeira vez a este Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, sinalou que “ter 180 marcas para degustar é todo un récord para unha festa do viño, incluso fóra de Galicia, me atrevo a dicir”. Así mesmo, o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias recordou que “o viño ten unha trascendencia especial en Galicia e iso hai que agradecerllo ao sector, comezando polos viticultores, continuando polas adegas e destacando o gran traballo realizado por este Consello Regulador, que conta cunjas características especiais e máis innovadoras”.
Finalmente, o deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamientos Públicos e Finca Areeiro. Javier Tourís, invitou a toda a cidadanía a participar desta festa e asegurou que “dende a Deputación de Pontevedra seguimos apostando por estas experiencias na Festa do Viño Albariño de Cambados, que é todo un referente”.
Ampliación de sesións
O XIII Túnel do Viño de Cambados estará aberto o xoves 1 e o venres 2 de agosto, en horario de 11:00 a 22:30 horas, e o sábado 3 de agosto, de 11:00 a 14:30 horas. A gran demanda rexistrada en pasadas edicións levou ao Consello Regulador a incrementar o número de sesións a cinco por día (de 11:00 a 12:30 h, de 13:00 a 14:30 h, de 17:00 a 18:30 h, de 19:00 a 20:30 h e de 21:00 a 22:30 horas), ás que hai que sumar as dúas sesións do sábado (de 11:00 a 12:30 h e de 13:00 a 14:30 horas). O prezo da entrada é de 25 euros e todas as persoas contarán co asesoramento dun sumiller profesional.
O XIII Túnel do Viño de Cambados ofrece a posibilidade de degustar de forma moderada e tranquila unha gran variedade de elaboracións de viños de Rías Baixas. Entre eles: Rías Baixas da Colleita 2023 e doutras anteriores (ata o ano 2012), así como Rías Baixas Espumosos e elaboracións especiais: viños sobre lías, en madeira e incluso de parcelas ou fincas.
Catorce viños á Cata Derradeira
Por outra parte, oSalón Bazán do Parador de Cambados acolleu esta mañá a primera sesión da XXXVI Cata Concurso Albariño Rías Baixas da Coleita 2023, na que participaron 61 adegas da denominación. Os catorce mellores viños pasaron á Cata Derradeira, que teá lugar mañá venres, a partir das 11:00 horas, no propio Salón Bazán.
Esta Cata Concurso, organizada polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, conta cun panel de cata integrado por expertos, pertencentes tanto ao panel de cata interno deste Consello como a un externo, disposto para a ocasión e composto por dez catadores. Da súa decisión mañá venres sairán as marcas premiadas, que obstentarán o título de mellores Albariño Rías Baixas da Colleita 2023. Uns galardóns que serán entregados durante o almorzo oficial do Capítulo Serenísimo, que terá lugar o domingo 4 de agosto.