O Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, acolleu esta mañá a cata para as Distincións Gallaecia. A esta vixésimo primeira edición do certame que organiza a Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia presentáronse 222 marcas de Rías Baixas.
Vintedous profesionais –entre sumilleres, enólogos, técnicos de Consellos Reguladores e críticos- foron os encargados de valorar as referencias. Fixérono distribuídos en catro paneis de cata, sen recibir máis información sobre cada viño que a colleita á que corresponde. Avaliaron viños desde a colleita de 2007 ata a de 2017, pero sen seguir unha orde cronolóxica.
A variedade “tende a envellecer moi ben”
O presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Aurelio Vázquez, destacou as cualidades de acidez e frescura que confiren o carácter aos viños atlánticos da D.O. Vázquez explicou que “nas colleitas máis antigas vese que os viños evolucionan moi ben e presentan unha complexidade moi grande”. Exemplificouno cos viños da colleita de 2007 catados hoxe, que valora como “moi redondos, moi equilibrados, realmente un gran viño”. A conclusión de Aurelio Vázquez ratifica que “a variedad albariño ten tendencia a envellecer moi ben”.
O tramo final da cata reservouse para os espumosos e tintos con D.O. Rías Baixas. Sobre estas elaboracións, o máximo responsable de Gallaecia comentou que “comprobamos que a calidade nos últimos anos está subindo moitísimo”.
Agustín Lago, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe, destaca a excelente oportunidade que supón participar neste certame para as adegas de Rías Baixas. “Ademais de optar ao premio, poden formar parte da guía de Gallaecia, que é moi completa e ten unha moi boa acollida no sector”, detallou Lago.
En setembro, a cata final
Coa xornada de hoxe en Rías Baixas, a Asociación de Sumilleres de Galicia (Gallaecia) conclúe as precatas efectuadas nas cinco denominacións de orixe vinícolas galegas, ás que se une a cata especial de Augardentes e Licores Tradicionalis de Galicia. Para principios de setembro está prevista a cata final, na que participarán as referencias que nesta fase previa superen os 87 puntos. A diferencia das precatas, nas que as adegas remiten as súas mostras a concurso, na cata final é a organización a que se encarga de adquirilas directamente no mercado. Na final as Distincións de Gallaecia recaen nos viños cunha puntuación de 92 ou superior.
Catadores en Rías Baixas
Na avaliación de hoxe no Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas participaron sumilleres, enólogos, distribuidores, técnicos doutras denominacións de orixe de España e formadores do ámbito da hostelería. Entre eles, fixeron o esforzo de acudir a esta cata Ramiro Fernández (sumiller do Restaurante Angler, do grupo D&D London, unha estrella Michelín), Javier Facal (xefe de compras de viño do Grupo Huerto), Alberto Robes (director de Experimentación da D.O. Ribera del Duero) ou o distribuidor de viños Gregory Clúa.