31 de xullo de 2024.- O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes Serantes, participou esta mañá no acto de inauguración da LXXII Festa do Viño Albariño de Cambados. Un evento no que tomaron parte a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o alcalde de Cambados, Samuel Lago Ozón; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, entre outras autoridades.
Isidoro Serantes puxo en valor a importancia desta festa, “onde o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas monta as 42 casetas, con 44 marcas, que se poderán desfrutar no Paseo da Calzada dende hoxe ata o domingo. Tamén organizamos o Túnel do Viño, onde se poderán degustar máis de 150 elaboracións diferentes a un prezo de 25 euros cada entrada. E tamén organizamos a Cata Concurso, na que participarán 61 adegas da denominación”.
Labor de Rías Baixas
A conselleira do Medio Rural destacou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola galego, así como a importancia económica, territorial e turística deste sector. Ademais, “quero poñer en valor o excelentísimo traballo que leva realizado a DO Rías Baixas, que son un exemplo a seguir, e o traballo do sector primario, neste caso de todos os viticultores que, pese a ser un traballo duro, deixan o seu corazón nas súas viñas para obter os mejores produtos. E iso é símbolo de calidade, de Galicia. E así o perciben os que se achegan a desfrutar da nosa gastronomía e dos nosos excelentes viños que son recoñecidos en todo o mundo”, apuntou María José Gómez.
Un punto no que coincidiu o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, para quen esta fiesta “simboliza dúas facetas en termos de economía e emprego. Por un lado, o sector servizos: o turismo. Estamos nun punto neurálxico do turismo das Rías Baixas. E por outro a producción vitivinícola, que ten un elemento de creación de emprego e riqueza en toda a comarca que os Gobernos estatal e autonómico estamos potenciando e que está abrindo liñas de internacionalización e exportación moi importantes. É importante competir e a Denominación de Orixe Rías Baixas é a que mellor o fai do territorio”.
Gran afluenza
Pola súa banda, o alcalde de Cambados asegurou que “a Festa do Albariño de Cambados é unha festa icónica, non en van é de interese turístico internacional, e ademais esta é unha edición especial porque coincide con dúas distincións que son moi significativas para Cambados: somos Cidade Española do Viño 2024 e Pobo Máxico de España”. De feito, unha das novidades da festa inaugurada esta mañá é que os cataviños utilizados nas 42 casetas do Paseo da Calzada incorporan por primeira vez, xunto ao logotipo do Consello Regulador, a imaxe de Cambados como Cidade Española do Viño.
Samuel Lago indicou que “todo iso fai prever que esta será a edición con máis afluenza dos últimos anos. Estámolo vendo xa hoxe, na inauguración, cunha afluenza considerable e superior á de anos anteriores, e que ven a ratificar que Cambados e o viño Albariño están sendo motores da economía e do turismo na nosa contorna”.
Túnel do Viño e Cata Concurso
Tras a apertura das casetas no Paseo da Calzada, que poderán visitarse ata o domingo 4 de agosto, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas inaugurará mañá xoves o seu XIII Túnel do Viño en Cambados. Un acto que terá lugar ás 12:30 horas no Salón de Congresos e Exposicións José Peña e que contará coa participación de Isidoro Serantes, presidente do Consello Regulador; Samuel Lago, alcalde de Cambados; Martín Alemparte, director do AGACAL; Silvestre Balseiros, director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias agroalimentarias; e Javier Tourís, deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamientos Públicos e Finca Areeiro, entre otras autoridades.
O XIII Túnel do Viño de Cambados abrirá as súas portas o xoves 1 e o venres 2 de agosto, en horario de 11:00 a 22:30 horas. As personas asistentes, que contarán co asesoramento dun sumiller profesional, poderán asistir a cinco sesións diferentes: de 11:00 a 12:30 h, de 13:00 a 14:30 h, de 17:00 a 18:30 h, de 19:00 a 20:30 h e de 21:00 a 22:30 horas. O sábado 3 de agosto o horario de apertura será de 11:00 a 14:30 horas, con dúas sesións: de 11:00 a 12:30 h e de 13:00 a 14:30 horas. En todos os casos, o prezo da entrada será de 25 euros por sesión.
Este Túnel do Viño ofrece a posibilidade de degustar de forma moderada e tranquila una gran variedade de elaboracións de viños de Rías Baixas. Entre elas: Rías Baixas da Colleita 2023, e doutras anteriores, así como Rías Baixas Espumosos e elaboracións especiais: viños sobre lías, en madeira e incluso de parcelas ou fincas.
Finalmente, o Salón Bazán do Parador de Cambados acollerá mañá xoves 1 de agosto, a partir das 10:00 horas, a XXXVI Cata Concurso Albariño Rías Baixas da Colleita 2023. Nela participarán 61 adegas da denominación. Os mellores vinñs pasarán á Cata Derradeira, que terá lugar ao día seguinte, ás 11.00 horas. Como resultado da mesma sairán as marcas premiadas, que ostentarán o título de mellores Albariño Rías Baixas da Colleita 2023. Os galardóns serán entregados durante o almorzo oficial do Capítulo Serenísimo, que terá lugar p domingo 4 de agosto.