A LXXI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados, inaugurada este mediodía, contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes Serantes, que agradeceu o traballo “de todos os adegueiros e viticultores que participan nesta festa”. Nese mesmo momento abríronse ao público no Paseo da Calzada as 42 casetas onde 41 adegas da denominación de orixe mostrarán as súas elaboracións ao público ata o vindeiro domingo 6 de agosto. As casetas pechan ás tres da madrugada. Isidoro Serantes agradeceu tamén a colaboración das distintas autoridades presentes nesta inauguración e convidounos “a que pasen polo túnel do viño, que estará aberto no salón José Pena desde mañá xoves ata o sábado”. Un túnel que na súa duodécima edición acollerá un total de 164 marcas pertencentes a 66 adegas da denominación.
Na inauguración da LXXI Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López; e o alcalde de Cambados, Samuel Lago. O responsable autonómico de Medio Rural destacou que “71 edicións reflicten a importancia que ten a Festa do Albariño, que non deixa de ser a festa de exaltación dun produto extraordinario como é o viño albariño”. Por iso, José González convidou a todos os que se acheguen a Cambados a “consumir con moderación pero que saiban que detrás dunha botella de viño hai paisaxe, territorio, valor engadido, historia dunha comarca”. Finalmente, o alcalde de Cambados celebrou poder festexar a 71 edición da Festa do Viño Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados xa que “estabamos impacientes de que chegase por todo o traballo de organización que conleva e que quero poñer en valor. Porque vemos o viño, vemos a festa, vemos as actuacións pero non valoramos o traballo que hai detrás, na organización e na elaboración dos viños”. Así mesmo, agradeceu a colaboración das distintas administracións e do Consello Regulador “para que esta festa sexa cada vez máis grande” e convidou a un consumo responsable porque “o viño sempre se goza con moderación e en boa compañía”.
Mañá xoves, inauguración do Túnel do Viño
A actividade no Paseo da Calzada, que se estenderá ata o domingo 6 de agosto, combinarase coa XII Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, organizado polo Consello Regulador no Salón de Congresos e Exposicións José Pena e que constitúe unha contorna profesional para coñecer os viños que se elaboran na denominación de orixe. A inauguración oficial desta cita será mañá xoves 3 de agosto, ás 12:15 horas, e contará co presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director de AGACAL, José Luis Cabarcos, a deputada provincial, Ana Laura Iglesias; e as concelleiras de Igualdade e Turismo e Enoturismo do Concello de Cambados, Fátima Abal e María Cruz Leiro. Tamén estarán presentes a directora do Parador de Cambados, Meritxell Marcos, e o vogal do Consello Regulador, Antonio Crespo. Os visitantes poderán degustar 164 marcas pertencentes a 66 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O horario de apertura das instalacións será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas, o xoves e venres, mentres que o sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas.