Volver

04 de Febreiro

Gran expectación e aforo cheo na cata monográfica de Rías Baixas, “A mar de viños atlánticos”, celebrada hoxe na Barcelona Wine Week

Éxito de participación na sesión monográfica inédita protagonizada esta mañá por dez viños de Rías Baixas na Barcelona Wine Week, titulada “A mar de viños atlánticos”. Unha cata que encheu o aforo disposto polo salón de referencia do viño español de calidade. Dirixida polo sumiller e xornalista Ramón Francás, reuniu a medio cento de persoas entorno a viños premium desta denominación.

Ao evento asistiron o presidente e o secretario xeral do Consello Regulador, Isidoro Serantes e Ramón Huidobro, xunto cos representantes das adegas dos dez viños protagonistas, quen puideron explicar durante tres minutos as cualidades destes Rías Baixas premium, entre os que figuraban oito brancos, un tinto e un espumoso de calidade.

Uns viños que non deixaron indiferente aos participantes, que cataron colleitas desde o 2017 ata a 2022, incluso máis lonxevas como foron unha 2012 e outra 2014. O presidente da Denominación deu a benvida aos asistentes e lembroulles que “na Denominación de Orixe Rías Baixas levamos no noso ADN cuestións como internacionalización, innovación e comercialización, -que en palabras do presidente desta feria-, son os retos futuros do sector do viño español”. Isidoro Serantes agradeceu á organización da BWW e a Ramón Francás a súa implicación e cariño con esta Denominación de Orixe, recordando que “os viños de Rías Baixas, tamén son –entre outras cosas- tradición, terruño, calidade e Atlántico”.

Túnel do viño na BWW

Tras a celebración “da mellor cata dos viños Rías Baixas realizada nunca en Barcelona”, como anticipaba Ramón Francás, aquelas persoas que no puideron asistir teñen hoxe e mañá para achegarse ao stand da Denominación de Orixe Rías Baixas na Barcelona Wine Week, que conta cun túnel do viño que reúne un total de corenta marcas de colleitas comprendidas entre 2022 e 2012.

A quinta edición da Barcelona Wine Week na Fira de Barcelona é a maior da súa historia con 10.000 m2 de exposición e un 33% en cifra de adegas presentes. En total reúne a 1.266 empresas expositoras de 81 Denominacións de Orixe e outros selos de calidade, que exhiben os seus mellores viños e buscan establecer contactos comerciais cos millleiros de visitantes profesionais.

Para abrir novas oportunidades de negocio aos expositores, o salón reforzou o seu programa Hosted Buyers onde, coa colaboración do ICEX, invitou a 770 grandes importadores e distribuidores de viños de todo o mundo, entre eles destinos como Estados Unidos, Canadá, Alemaña, Reino Unido, China, México, Xapón, Brasil, Colombia ou Corea do Sur. Xunto a eles estarán máis dun milleiro de compradores nacionais da gran distribución, o comercio especializado e o canal Horeca.