13 de xullo de 2018.- A XXVI Feira do Viño do Rosal reunirá esta fin de semana os amantes dos viños de Rías Baixas na Praza do Calvario. A celebración contará con nove casetas pertencentes a adegas de Rías Baixas, enclavadas na subzona do Rosal, que permanecerán nese espacio entre o 13 e o 15 de xullo.
O acto de inauguración terá lugar este venres ás 20:00 horas na propia praza que acolle a actividade. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas estará representado polo seu presidente, Juan Gil de Araujo.
A vicepresidenta do Institute of Masters of Wine, Sarah Jane Evans, pronunciará o pregón. Trátase dunha das figuras máis relevantes do mundo do viño no Reino Unido, xornalista, experta e apaixoada dos viños españois. Jane Evans tamén impartirá hoxe venres ás 13:00 horas unha cata comentada de nove viños de Rías Baixas da subzona do Rosal. Esta cata terá lugar no local da Liga dos Amigos, aínda que xa ten completo o seu máximo de prazas con corenta participantes.
Completará este programa, relacionado coa gastronomía e o mundo do viño, un obradoiro de cociña para nenos e nenas entre cinco e doce anos, que se desenvolverá mañá ás 12:00 horas, e un showcooking a cargo da Escola de Hostelería do Baixo Miño, que se celebrará tamén mañá sábado, ás 20:00 horas, diante do Concello do Rosal.
As adegas de Rías Baixas estarán situadas na Plaza do Calvario e abrirán desde esta tarde ata o domingo pola noite. Ademais, como todos os anos haberá servizo de autobuses desde diferentes puntos da comarca.