Ampliar a selección de viños de Rías Baixas en Pennsylvania (EEUU). Este foi o principal obxectivo da visita á Denominación de Orixe Rías Baixas de John Wagner, experto na industria do viño con máis de 15 anos de experiencia no Pennsylvania Liquor Control Board (PLCB), entidade que xestiona a distribución de viños neste estado. Unha axencia gubernamental estatal independente na que Wagner traballa como Xerente de Categoría e Comprador de Viños do Hemisferio Occidental e que desde febreiro de 2025 asumiu tamén o rol de Comprador e Xerente de Categoría de Viños Españois.
John Wagner finalizou hoxe luns unha visita de cinco días á Denominación de Orixe Rías Baixas, nos que percorreu un total de 11 adegas das subzonas de Val do Salnés, O Rosal e Condado do Tea para coñecer o funcionamento e a estrutura produtiva de Rías Baixas. Ademais, durante a súa estancia realizou dúas catas no Pazo de Mugartegui nas que participaron un total de 83 marcas, na súa maioría das anadas 2024 e 2023, correspondentes a 45 adegas da denominación.
Unhas catas que, unidas a unha breve sesión de formación impartidas desde o Consello Regulador, lle permitiron actualizar os seus coñecementos sobre estos viños de cara ao acto de promoción de viños blancos españois que o PLCB está preparando para este verán de 2025. Un evento no que John Wagner desexa ampliar a selección de viños de Rías Baixas.
A directora de Marketing de Rías Baixas, Eva Mínguez, sinala que “durante esta visita, John Wagner puido descubrir o traballo que se desenvolve na nosa denominación de orixe e ampliar os seus coñecementos sobre os nosos viños da mellor forma posible: vendo as nosas adegas e viñedos sobre o terreo, compartindo experiencias cos nosos adegueiros e empapándose da cultura do viño Rías Baixas”.
Pola súa parte, desde o Consello Regulador traballan na organización de clases de formación sobre os viños de Rías Baixas dirixidas ao equipo de vendas das tendas do PLCB en todo o estado. E é que esta entidade, ademais de operar nunhas 575 tendas de viños en toda Pennsylvania, tamén outorga licenzas a 20.000 produtores, minoristas e distribuidores de bebidas, ademais de promover a educación sobre o consumo responsable de viño e alcohol.
John Wagner
John Wagner é un experto na industria do viño con máis de 15 anos de experiencia no PLCB (Pennsylvania Liquor Control Board), onde traballa como Xerente de Categoría e Comprador de Viños do Hemisferio Occidental e, desde febreoro de 2025, asumiu o rol de Comprador e Xerente de Categoría de Viños Españois, aportando a súa experiencia a unha das rexións vinícolas máis dinámicas do mundo.
Antes de unirse ao PLCB, traballou como representante de vendas de viños finos e xerente de contas en The Winebow Group, onde adquiriu un profundo coñecemento sobre a venda e distribución de viños. A súa amplia experiencia en compras, vendas e xestión de categorías converteuno nunha figura clave na industria do viño.
Estados Unidos é o mercado internacional máis importante para a Denominación de Orixe Rías Baixas, cunhas vendas de 2.920.016 litros en 2024 por un importe de 23.410.399 euros. Unhas cifras que supoñen un incremento sobre o ano anterior dun 13,93% e un 15,18%, respectivamente. Na actualidad, un total de 85 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas exporta a Estados Unidos.