Entre os días 15 e 17 de maio celebrouse na capital británica unha das primeiras feiras vinícolas do continente, a London Wine Fair. E nela non podía faltar, un ano máis, o stand da D.O. Rías Baixas, que nesta ocasión acudiu con 71 marcas da denominación.
O se público de perfil profesional, con sumilleres e restaurantes, así como importadores, non dubidou en achegarse ao stand desta denominación de orixe galega, moi coñecida no Reino Unido. Esta feria contou cunha importante afluencia, de maneira que durante a mesma os prescritores non pararon de acudir ao seu stand para coñecer un pouco máis das diferentes elaboracións que se están realizando en Rías Baixas. Non en van, o protagonismo recaíu no seu ‘Wine Bar’, no que os asistentes puideron desfrutar dunha gran variedade destes excelentes viños atlánticos que incluía viños sobre lías, en madeira, seleccións de colleita… Ata aló se desprazaron o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e a técnica de marketing, Rosa Martínez.
Que os consumidores de Reino Unido coñecen moi ben a calidade dos viños da D.O. Rías Baixas quedou patente de novo nesta feira, unha das principais en Europa. A súa importancia, no caso da D.O. Rías Baixas, resúmese en que o Reino Unido é o segundo mercado internacional ao que máis exporta: case 1,8 millóns de litros viaxaron desde o sur de Galicia ata o Reino Unido en 2022, cun valor superior aos dez millóns de euros. O devandito mercado conta cun plan de promoción con numerosas actividades previstas para este ano, entre as que se atopa unha viaxe de prescriptores a Rías Baixas.
Xunto co de Estados Unidos, Reino Unido é un dos mercados por excelencia dos viños de Rías Baixas.