Volver

09 de Outubro

A DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS PODERÍA MULTIPLICAR POR DOUS O SEU VALOR EN VENDAS GRAZAS AO PLAN DIRECTOR 2030

A Denominación de Orixe Rías Baixas presenta o seu Plan Director 2030, realizado por Boston Consulting Group, no que amosa a estratexia a seguir de cara a 2030. Un documento que foi presentado esta mañá en Afundación Pontevedra polo secretario e o presidente do Consello Regulador, Ramón Huidobro e Isidoro Serantes, así como polo director xeral e socio senior de Boston Consulting Group,  Magín Yañez. O Plan Director estructúrase en catro piares básicos dos que emanan as liñas estratéxicas que poderían multiplicar case por dous o valor en vendas da D.O. Rías Baixas (segundo os datos empregados para a execución do estudo, a facturación de Rías Baixas estaba en 160 millóns de euros).

Eses catro piares básicos pasan por:

  • Máis volume sen perder calidade: aumentar a producción, mediante un crecemento controlado e complementado cunha estratexia de valor que asegure a máxima calidade dos produtos da D.O. Rías Baixas
  • Máis internacionalización: continuar a aposta pola internacionalización en países estratéxicos, mantendo o posicionamiento nacional
  • Máis elaboración de viños premium: apostar polo segmento Premium a través dunha maior produción de viños de garda e de crianza: “Trátase dunha importante tendencia do mercado que representa unha excelente oportunidade para os viños de Rías Baixas polas súas calidades”, segundo recolle o Plan Director.
  • Máis sostenibilidade e innovación: a través de, por exemplo, da implementación dunha ferramenta común da trazabilidade que aproveite os últimos desenvolvementos tecnolóxicos.

Percepción do consumidor

A Denominación de Orixe Rías Baixas é a segunda denominación española en volume de vendas de viño branco. O 66% dos viños de Rías Baixas véndense en España, mentres que o 34% restante faino no exterior, dos que en torno a un 50% se exportan a Estados Unidos e Reino Unido.

O consumidor valora, como elemento diferenciador, a calidade destes viños brancos. De feito, nun estudo realizado dentro do marco de análise do Plan Director quedou de manifesto que o consumidor, especialmente o internacional percibe os Rías Baixas como uns viños de alta calidade.

Segundo o devandito estudo, o consumidor español ten unha alta percepción de calidade dos viños de Rías Baixas, en comparación con outras Denominaciones de Orixe competidoras. Internacionalmente, os compradores perciben unha calidade do máis alto nivel neles cun precio máis baixo en comparación con outras denominacións de idéntico posicionamento. Hai que ter en conta que os consumidores extranxeiros valoran as variedades orixinais (como a albariño, que é autóctona) e tamén a alta calidade.