Volver

07 de Outubro

A DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS PERCORRE DIFERENTES MERCADOS EN ASIA PARA PROMOVER OS SEUS VIÑOS

7 de outubro de 2024.- A Denominación de Orixe Rías Baixas finaliza hoxe a súa xira dunha semana por Asia. O destino da expedición de Rías Baixas, integrada por 13 adegas da denominación, que viaxaron acompañadas polo secretario xeral e a directora de marketing, Ramón Huidobro e Eva Mínguez,  foi Tokio, Taipéi e Seúl.

A primera parada tivo lugar en Tokio, o mércores 2 de outubro, onde un total de once adegas de Rías Baixas participaron nunha masterclass, unha cata e  unha degustación dos seus viños atlánticos, así como nunha reunión de traballo con prescriptores xaponeses. A actividade resultou todo un éxito de participación, como vén sendo habitual cada ano que esta D.O. visita o continente asiático. Durante a mesma estiveron acompañados polo conselleiro da oficina económica e comercial de Tokio, Gonzalo Ramos.

Nesta ocasión por unha cuestión meteorolóxica a xornada prevista en Taipéi para o pasado venres, con 10 adegas, tivo que suspenderse.

A siguiente parada tivo lugar hoxe en Seúl, cunha xornada á que asistiron 10 adegas e que novamente reuniu ai sector profesional de Seúl nunha masterclass chea ata a bandeira na que os prescriptores amosaron, novamente, o crecente interese dos viños de Rías Baixas. Tamén resultou todo un éxito de participación a cata e degustación dos viños das adegas participantes, así como a posterior reunión de traballo.

A Denominación de Orixe Rías Baixas leva viaxando a Asia máis de 20 anos. Primeiro coa participación en feiras profesionais e, despois con actividades organizadas polo propio Consello Regulador dentro do seu Plan Promocional. De feito, é un mercado potencial e cun gran percorrido para os seus viños atlánticos. “Así nolo manifestaron as adegas nas diferentes reunións sobre mercados internacionais que o Consello Regulador organiza cada ano con elas para definir intereses conxuntos do sector”, explica Eva Mínguez, directora de marketing.

O mercado asiático importou en 2023 preto de 236.000 litros de viños de Rías Baixas, dos cales case 84.000 foron parar a Xapón. Iso permitiu facturar en total uns 2 millóns de euros no continente asiático e, en concreto, 682.206 € no país nipón. A súa importancia e proxección fan que o mercado asiático se atope dentro do Plan Promocional de Rías Baixas.