Volver

02 de Agosto

OS EXPERTOS DESTACAN O EQUILIBRIO E TIPICIDADE DAS CATORCE MOSTRAS FINALISTAS DA XXXIV CATA CONCURSO RÍAS BAIXAS ALBARIÑO

2 de agosto de 2024.-. A XXXVI Cata Concurso Albariño Rías Baixas da Colleita 2023 celebrou esta mañá a súa fase final no Parador de Cambados. Á coñecida como Cata Derradeira chegaron 14 dos 61 viños presentados a concurso e que destacaron polo seu equilibrio e tipicidade, segundo os expertos do panel de cata, que tamén coincidiron en destacar o gran nivel das marcas finalistas e a dificultade de seleccionar as tres gañadoras.

Así, Isabel León, membro do equipo de cata e contidos da plataforma de viños Bodeboca (Madrid) e responsable da área de Galicia e grandes cotas, asegurou que “partiamos de viños bos, equilibrados e con moita tipicidade. Pero a de hoxe foi unha cata moi complicada porque tes que buscar moito detalle. Moito nivel, moi difícil. Viños moi ricos e persoalmente teño os meus cabalos gañadores, porque tiñan un equilibrio máximo, unha salinidade cuns toques de amargura que os alonga moitísimo, moita froita no nariz, un pouco de flores, cítricos, por supuesto…”.

Pola súa banda, Álvaro de Miguel, vicepresidente da Asociación de Sumilleres de Castela-A Mancha e membro da Unión Española de Catadores (UEC), apuntou que “o que máis me gustou, sobre todo, é esa acidez que te invita a beber e a descorchar outra botella. Iso é o que interesa, que a xente teña un viño que lle guste”. No seu primeiro ano na Festa do Viño Albariño de Cambados, se amosou “moi sorprendido por todo, por encontrarme as casetas, a xente na rúa, bebendo viño e, sobre todo, o túnel do viño. Ver mozos coa súa copa de viño indo dun lado a outro é algo totalmente distinto e un concepto moi bo”. Ademais, destacou que os viños Rías Baixas “conectan moi ben co público en xeral e os podes utilizar en calquera tipo de comidas nacionais ou estranxeiras, frías ou quentes. E iso fai que seca moi gastronómico e que o poidas desfrutar en calquera momento”.

Finalmente, María Jesús Hernández, socia fundadora da revista Planeta Vino e coordinadora da Guía de viños Proensa, destacou “a súa frescura, que sempre é de agradecer, e esa acidez galega tan estupenda. É que con esta variedade se poden facer marabillas”.

O resultado das valoracións do xurado darase a coñecer este domingo 4 de agosto durante o almorzo oficial do Capítulo Serenísimo, durante o que se premiará aos tres viños gañadores da XXXVI Cata Concurso Albariño Rías Baixas da Colleita 2023.

A XXXIV Cata Concurso Rías Baixas Albariño, que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, contou cun panel de cata integrado por expertos pertencentes tanto ao panel interno do Consello como a un externo disposto para a ocasión e que este ano estivo compuesto por dez expertos. Onte xoves celebraron a Cata Prima, na que tomaron parte 61 marcas da denominación. Hoxe venres tivo lugar a Cata Derradeira, da que sairon as marcas premiadas como mellores Albariños Rías Baixas da Colleita 2023.