Volver

20 de Marzo

OS VIÑOS DA DENOMINACIÓN DE ORIXE RÍAS BAIXAS CÁTANSE ESTES DÍAS NA FEIRA PROWEIN 2023

Os viños de Rías Baixas están presentes estes días na Feira Internacional de Viños e Bebidas Espirituosas ProWein. Unha edición máis, o stand do Consello Regulador está emprazado no pavillón internacional do ICEX e alberga un túnel do viño con 94 marcas pertencentes a 54 adegas. O devandito espazo de cata acolle unha gran variedade de marcas e de tipoloxías de viños da denominación.  Ademais, o stand de Rías Baixas tamén conta cunha zona ocupada por 11 adegas que acoden á feira como coexpositoras.

O Consello Regulador está representado no recinto feiral de Messe, en Düsseldorf (Alemaña), polo secretario xeral e a directora do Departamento de Marketing, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, quen recibiron onte a visita do conselleiro do Medio Rural, José González, e do  director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos.

Profesionais de todo o mundo participan nesta cita, considerada unha das máis importantes a nivel internacional, que abriu as súas portas o pasado domingo e as pechará mañá martes. A previsión da organización é contar con 6.000  expositores de máis de 60 países nestes 28 anos de traxectoria.

Mercado alemán

Alemaña está situada dentro do top-ten de principais mercados de exportación da Denominación de Orixe Rías Baixas durante o exercicio de 2022. O pasado ano exportáronse a ese país máis de 220.000 litros de viños de Rías Baixas. A importancia deste mercado fai que conte cun plan promocional específico que este Consello Regulador desenvolve no devandito país dende hai anos.