A Denominación de Orixe Rías Baixas inaugura a tempada de premios cun total de 22 marcas galardoadas na última edición dos Premios Bacchus, celebrada a semana pasada en Madrid. Un certame vinícola no que tres Rías Baixas (das colleitas 2021, 2022 e 2023) foron distinguidos co Gran Bacchus de Ouro, ao ter conseguido unha puntuación superior a 93.
Ademais, 11 viños e 2 espumosos desta denominación recibiron o Bacchus de Oro (con máis de 89 puntos), dos cales tres son da colleita 2024, cinco da de 2023, dous da de 2022 e un de 2020. Finalmente, 5 viños e 1 espumoso foron premiados co Bacchus de Prata (con puntuacións entre 85 e 89 puntos), con colleitas comprendidas entre 2024 e 2021.
1.695 viños de 16 países
O XXIII Concurso Internacional de Viños Bacchus tivo lugar no Pazo Duque de Pastrana de Madrid. Ao longo de cinco días, 1.695 viños procedentes de 16 países (México, Chile, Arxentina, Portugal, Alemaña ou Armenia, entre moitos outros) participaron neste certame.
As mostras foron valoradas a través de catas a cegas por un xurado integrado por 70 catadores procedentes de 28 países. Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), Bacchus é o certame internacional máis lonxevo e un dos máis prestixiosos de España. Está impulsado pola Organización Internacional da Viña, a Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Espirituosos (VINOFED) e conta co recoñecemento oficial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.