Volver

22 de Novembro

Máis de 20 empresas da D.O. participan presencialmente na reunión para definir a estratexia promocional de 2022 en exportacións

O 34% das vendas da D.O Rías Baixas durante a campaña 2020/21 dedicáronse á exportación coa participación de 107 adegas. Máis que nunca a planificación da promoción deste Consello Regulador faise necesaria e, por iso, organízase, tradicionalmente, en novembro unha reunión con adegas para dar conta do que foi o ano nesta materia e falar do próximo exercicio. Un encontro que recuperou, hoxe, a presencialidade e que contou coa participación de máis de 20 empresas.

O pistoletazo de saída correu da man do secretario xeral do Consello Regulador, Ramón  Huidobro, quen fixo unha análise pormenorizada das últimas cifras de exportación, as da campaña 2020/21. Seguidamente, a directora de márketing, Eva Mínguez, foi analizando cada un dos principais mercados de exportación e explicou a visión do departamento de fronte ao próximo ano. Mínguez Lobato explicou que “para o Consello esta reunión é moi importante porque, aínda que xa se fixo un estudo previo dos diferentes mercados e os posibles escenarios, é primordial coñecer de primeira man as inquietudes e necesidades das adegas. Eles, son unha peza importante desta engrenaxe e as súas valoracións son ben recibidas e tidas en conta”.

Durante o devandito encontro decidiuse manter unha liña continuísta, centrada nos nove plans de exportación, actualmente en funcionamento: Estados Unidos, Reino Unido,  BENELUX, Irlanda, Canadá, México, Alemaña, Xapón e Polonia. Aos que hai que sumar accións puntuais noutros países como Suíza, Rusia, República Dominicana, entre outras propostas ligadas á evolución dos diferentes mercados. A estratexia centrarase en actividades de promoción e formación, segundo o grao de madurez e coñecemento de cada mercado. E o obxectivo será o crecemento da venda destes viños atlánticos cunha especial atención ao valor dos mesmos, especialmente nalgúns mercados sensibles como Reino Unido ou Alemaña.

Datos

As exportacións a mercados internacionais na D.O. Rías Baixas ascenderon a 9.263.352 litros e 52.245.671 €, o que supón un incremento dun millón de litros e 6,5 millóns de euros con respecto á campaña anterior. A campaña 2020/2021 (desde o día 31 de  agosto de 2020 ao 1 de setembro de 2021) deixou un crecemento dun 12,22% en volume e dun 14,33% en valor. O prezo medio do litro vendido sitúase por encima da media nacional, alcanzando os 5,64 €, cunha subida de 0,10 € respecto a a pasada campaña e superando as cifras anteriores á pandemia. Estas cifras históricas tradúcense en 12.351.136 botellas de viño de Rías Baixas, repartidas en máis de 70 países.