A Denominación de Orixe Rías Baixas dá por concluído o seu periplo de primavera nos mercados latinoamericanos cun showroom en México. Preto de 200 profesionais do sector do devandito país, entre os que se atopaban catadores, restaurantes, líderes de opinión, prensa especializada e influencers de redes sociais, participaron neste evento na capital mexicana.
A cita con estes viños atlánticos contou coa participación de 19 adegas de Rías Baixas que presentaron unha selección das súas marcas máis representativas. O obxectivo era mostrar a diversidade e calidade que caracteriza a esta rexión vinícola, enriquecendo os seus coñecementos e deleitando os seus sentidos con cada copa. Ata alí desprazáronse adegas desta denominación, xunto co secretario xeral e a técnico de márketing do Consello, Ramón Huidobro e Rosa Martínez.
Esta cita tamén incluíu un seminario exclusivo de seis viños de Rías Baixas de diferentes tipoloxías e anadas que estivo dirixido por Andrés Amor e que resultou todo un éxito. Como colofón dous recoñecidos restaurantes protagonizaron demostracións de cociña en vivo. Dous recoñecidos chefs mexicanos, Pepe Salinas e Alan Peña, deleitaron aos presentes coas súas creacións gastronómicas, perfectamente maridadas con Rías Baixas.
México ocupa a quinta posición nas exportacións da Denominación de Orixe Rías Baixas. É un mercado tradicional destes viños que conta cun plan promocional propio.