Volver

12 de Xullo

O Consello Regulador cualifica a Anada 2021 da Denominación de Orixe Rías Baixas como “Boa”

A Anada 2021 da Denominación de Orixe Rías Baixas foi cualificada polo Pleno do seu Consello Regulador como “Boa”. Así o anunciou hoxe o seu presidente, Juan Gil de Araujo, durante o tradicional xantar de traballo celebrado en Madrid cos medios de comunicación.

Dita cualificación foi acordada na sesión do Pleno do pasado 23 de xuño. A decisión tomouse en base a un detallado informe técnico elaborado polo Órgano de Control e Certificación, que incluía, entre outros, os datos relativos ao ciclo vexetativo, a colleita e a vendima 2021, así como aos resultados comparados da análise sensorial e fisicoquímico de 931 mostras pertencentes a 138 adegas. O viño verificado ata o 31 de maio deste ano suma un volume de 19.489.541  litros, o que representa o 64,60% do total do viño da colleita. Cabe dicir que, ata finais de maio, o volume de viño verificado polo panel de cata do Consello Regulador incrementouse un 14,63% con respecto ao mesmo período do pasado ano.

O informe presentado alude ás calidades dos viños enumeradas polo panel de expertos do Consello Regulador destacando a frescura e boa acidez, valorando positivamente a súa  retrogusto franco. “Mostran os matices tradicionais dos viños desta rexión con unha  acidez marcada que ademais se verá reflectida moi positivamente nos viños de garda”, explica o presidente do Consello.

Ciclo vexetativo

En canto ao ciclo vexetativo do pasado ano, o informe lembra que se caracterizou por un adianto da brotación, que resultou homoxénea cunha fertilidade media-alta, unha óptima floración e unha incidencia mínima de enfermidades. O adianto fonolóxico que se produciu inicialmente retardouse polas condicións meteorolóxicas do último período caracterizado por un verán con menos hora de sol das habituais nas Rías Baixas, de maneira que a vendima xeneralizouse na segunda semana de setembro. Hai que resaltar o bo estado sanitario da uva á súa entrada nas adegas, así como o incremento do 27% do volume de produción, alcanzando a cífra récord de 43.809.134 kg e cumprindo as previsións realizadas polo Órgano de Control e Certificación. “O cal demostra o ben que se adaptan estas variedades autóctonas, especialmente a albariño, a este clima atlántico”, explicou o presidente do Consello Regulador.

Segundo o informe do Órgano de Control e Certificación, no que levamos de campaña 2021/22 (ou sexa desde agosto do 2021 ata maio deste ano) na Denominación de Orixe. Rías Baixas verificouse un total de 23.545.119 litros de viño cun aumento do 8,1% en volume de viño verificado respecto a a anterior. Na actualidade, o 33,76% destes viños atlánticos destínase a abastecer os mercados exteriores.

Túnel do Viño en Barcelona

O Túnel do Viño organizado polo Consello Regulador para presentar a Anada 2021 terá lugar este mércores 29 de xuño no Salón Domènech i Montaner do Hotel Casa Fuster de Barcelona, en sesión de mañá e tarde. No devandito evento participarán 84 marcas de viño, pertencentes a 45 adegas.