Volver

29 de Xuño

O Consello Regulador cualifica a Colleita 2020 da Denominación de Orixe Rías Baixas como Moi Boa

29 de xuño de 2021.– A Colleita 2020 da Denominación de Orixe Rías Baixas foi cualificada polo Pleno do seu Consello Regulador como “Moi Boa”. Así o anunciou hoxe o seu presidente, Juan Gil de Araujo, durante o tradicional almorzo de traballo celebrado en Madrid cos medios de comunicación.

A devandita cualificación foi acordada na sesión do Pleno do pasado 18 de xuño. A decisión tomouse en base a un detallado informe técnico, elaborado polo Órgano de Control e Certificación, que incluía, entre outros, os datos relativos ao ciclo vexetativo, a colleita e a vendima 2020, así como os resultados comparados da análise sensorial e fisicoquímica de 609 mostras pertencentes a 129 adegas, cun volume de 14.971.559 litros, o que representa o 63,60% do total do viño da colleita.

Neste senso, o informe presentado alude ás cualidades dos viños enumeradas polo panel de expertos do Consello Regulador, os cales destacan a franqueza e complexidade da colleita 2020, valorando moi positivamente o seu marcado carácter varietal e a súa equilibrada acidez.

Cabe dicir que, ata o 31 de maio, o volume de viño verificado polo panel de cata do Consello Regulador incrementouse un 35,97% con respecto ao mesmo periodo do pasado ano. Todo iso a pesar das limitacións e restriccións impostas por razón da alerta sanitaria provocada pola COVID-19.

Ciclo vexetativo

En canto ao ciclo vexetativo do pasado ano, o informe lembra que se caracterizou por un adianto da brotación, unha óptima floración e unha incidencia mínima de enfermidades. Todo propiciado polas boas condicións meteorolóxicas da primavera en Rías Baixas. Ese tiempo seco e soleado tamén acompañou durante os labores de vendima, facilitando os traballos de recolección nun ano de por si complicado polas medidas de seguridade adoptadas fronte á COVID-19. Así as cousas, os viticultores obtiveron unha colleita de 34.470.166 Kg de uva de moi boa calidade e un excelente estado hixiénico sanitario. O presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, explicou que “a uva entrou nas adegas cuhna boa calidade e óptimo estado de madurez. A pesar de toda a incertidume provocada pola pandemia, que obrigou a un sobreesfuerzo en viñedos e adegas, motivado polas medidas de prevención fronte á COVID-19, foi unha vendima tranquila e sosegada, favorecida pola boa meteoroloxía”.

Segundo o informe do Órgano de Control e Certificación, no que levamos de campaña 2020/21 (ou sexa, desde agosto de 2020 ata maio deste ano) na Denominación de Orxge Rías Baixas verificáronse un total de 21.762.808 litros de viño. Na actualidade, o 33,33% destes viños destínase a abastecer os mercados exteriores, concretamente a máis de 70 países.

Túnel do viño en Madrid

O Túnel do Viño organizado polo Consello Regulador para presentar a Colleita 2020 tivo lugar onte no Salón Real do Hotel Ritz de Madrid. No devandito evento participaron 97 marcas de viño, pertencentes a 51 adegas. Para garantir a seguridade dos profesionais asistentes, o Consello Regulador estableceu un protocolo COVID-19 cunhas estritas medidas de seguridade.