Volver

29 de Xullo

O Consello Regulador de Rías Baixas estima recoller uns 36,6 millóns de quilos de uva

29 de xullo de 2019.- O Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas presentoulle ao Pleno do Consello Regulador o Informe de Estimación de Colleita 2019. Este documento, elaborado en base aos datos estimados polos técnicos de campo das empresas durante a primeira quincena de xullo, explica que neste momento o viñedo atópase nunha situación heteroxénea. Este feito vén motivado polas condicións meteorolóxicas adversas no momento da floración e da purga, o cal dificulta a estimación da colleita de 2019.

O informe, que foi analizado polos vogais do pleno, estima unha recollida en 2019 de 36,6 millóns de quilogramos de uva, un 5,2% menos que a colleita 2018”. Con ese volume de produción poderían vinificarse máis de 24,5 millóns de litros de viño.

Para redactar este documento, o Departamento Técnico do Consello Regulador supervisou o 45,9% das 4.045 hectáreas de superficie produtiva da denominación. A redución prevista na colleita deste ano débese, principalmente, ás condicións meteorolóxicas que incidiron nas condicións fenolóxicas de floración. Ademais, factores como o viento e a saraiba ocasionaron mermas directas nos acios e rotura de pámpanos. Os técnicos apuntan que as subzonas máis afectadas pola saraiba foron o Condado do Tea e O Rosal.

O informe do Órgano de Control e Certificación resalta que as mermas de produción son máis xeralizadas en viñedos vellos que novos e que non son reseñables os danos por pragas e enfermidades como a botrite, o mildeu e o oídio. Ademais, segundo se explica no documento, “as condicións meteorolóxicas adversas fan que os acios sexan máis pequenos”.

Adianto da vendima

En termos xerais, o ciclo da colleita 2019 en Rías Baixas preséntase cun “adianto fenolóxico de 10-12 días, polo que se prevé o inicio da vendima para principios de setembro”. A esta situación chégase “un inverno cálido e seco, seguido dunha primavera cálida e, no seu conxunto, normal en canto a precipitacións. Cabe destacar que o mes de xuño resultou frío e moi húmido”.

O Informe de Estimación de Colleita 2019 examina fundamentalmente a información proporcionada polos técnicos de campo das adegas e das empresas de servizos agrarios. As súas observacións e datos nas enquisas, efectuadas a mediados de xullo, sométense a unha análise detallada e a un procesamento estatístico. Finalmente os resultados obtidos pondéranse en función da superficie supervisada por cada técnico para contar, deste xeito, con criterios unificados.

Como tarefa de reforzo e garantía, o persoal dos servizos técnicos do Órgano de Control do Consello Regulador, xunto a algún dos técnicos asesores de campo, desprázanse ás distintas subzonas da Denominación de Orixe para efectuar mostreos dos viñedos e pesaxe de acios. Buscán así corroborar a situación real sobre el terreo.

Na actualidade, o Consello Regulador conta con 182 adegas inscritas. A superficie da Denominación de Orixe abrangue 4.045 hectáreas repartidas entre 21.844 parcelas nas que traballan 5.201 viticultores e viticultoras.