26 de abril de 2018.- O Consello Regulador levou esta semana a promoción dos seus viños ao sudeste asiático. É a primeira ocasión en que a Denominación de Orixe Rías Baixas participa na feira Food and Hotel / Prowine Asia 2018, que se desenvolve ata mañá no recinto feiral Singapore Expo da cidade asiática.
Esta acción promocional, cofinanciada polo IGAPE, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (programa operativo 2014-2020), permitiu a habilitación dun stand propio dentro do pavillón do ICEX. Nel amósanse un total de trinta e oito marcas pertencentes a dezaseis adegas.
Ata Singapur desprazáronse Ramón Huidobro, secretario do Consello Regulador, e Rosa Martínez, do Departamento de Marketing. “Esta feira supón unha excelente oportunidade para extender o coñecemento sobre os Rías Baixas nun mercado de grande interese como o asiático. Os nosos viños están moi ben valorados e ademais acompañan perfectamente a gastronomía propia destes países”, explica Martínez.
Durante estas tres primeiras xornadas, o stand do Consello Regulador recibiu numerosos visitantes. Entre os perfís máis comúns atópanse “sumilleres, educadores e prensa, que xa coñecían os nosos viños”. Todos eles amosaron interese por degustar varias referencias co fin de aprender máis sobre os diferentes matices das elaboraciones desta Denominación de Orixe.
Un mercado en alza
O asiático supón un mercado de grande interese para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. As exportacións a este continente durante o pasado ano acadaron os 172.369,43 litros alcanzando un valor de 1.044.302,73 euros.
No caso concreto de Singapur, o pasado ano exportáronse a este destino un total de 5.200,75 litros de viño por un valor de 41.070,53 euros. Dentro deste continente, destacan as vendas en países como Xapón, onde o pasado ano exportáronse 102.668,30 litros de viño por un valor de 584.854,72 euros. Tamén de interese resulta China, onde se venderon 31.348,88 litros (por 197.369,24 euros).
Como resultado do crecente interese dos países asiáticos polos viños de Rías Baixas, cabe destacar a incorporación en 2017 aos mercados exteriores de lugares como Hong Kong, Kazajistán ou Malasia.
ProWine Asia 2018
A sección ProWine Asia atópase nun espazo dedicado exclusivamente a viños dentro do conxunto da feira Food and Hotel Asia, de periodicidade bienal. Esta última cita comezou en 1978 e constituíuse como unha das maiores plataformas do sector agroalimentario en toda Asia, especialmente na rexión do sudeste asiático.
Na última edición déronse cita uns 3.000 expositores de 64 países repartidos nunha superficie de 95.000 metros cadrados. Food and Hotel / Prowine Asia 2018 está dirixida aos profesionais do sector da alimentación e da bebida, polo que supón un excelente escaparate para a promoción dos viños de Rías Baixas.