Un total de 54 viños albariño Rías Baixas da anada 2021, que foi cualificada polo pleno do Consello Regulador como “boa”, foron catados onte e hoxe, na XXXIV Cata Concurso Rías Baixas Albariño, que se desenvolve no Parador de Cambados.
Un panel de 24 expertos levou a cabo a Cata Derradeira, esta mañá no Salón Bazán. Así, hoxe decidiron os 3 Albariño Rías Baixas 2021 gañadores de entre as 12 mostras finalistas. Daranse a coñecer este domingo 7 de agosto durante a comida Oficial do Albariño, no parque de Torrado.
Cabe lembrar que este xurado establece as puntuacións dos viños segundo a normativa da Organización Internacional do Viño (OIV).
En xeral, todos os catadores puxeron de manifesto a “dificultade” á hora de escoller os finalistas, debido á calidade das mostras. Así o manifestou o catador Bartolomeu Gómez, que se estreaba neste concurso: “A calidade” dos viños presentados ao certame fai “difícil escoller entre os máis de 50 presentados”. Nesta liña, a catadora Silvia García resaltou que nesta Cata Derradeira “ao estar o mellor dos mellor” é “moi difícil” escoller os premiados.
Algúns profesionais tamén falaron das calidades dos viños Rías Baixas, encomiando a “excepcionalidade” das súas cores. Foi o caso da xornalista e catadora Patricia Rexedor, que fixo fincapé no “igualadas” que estiveron as mostras finalistas.
Pola súa banda, o comunicador e catador José Ignacio Junguitu destacou en primeiro lugar como “Rías Baixas é quizá a zona de viños brancos máis importantes de España”. Tamén cualificou de “espectacular” a evolución dos seus viños.
Por último, o xornalista Carlos Iserte fixo mención ao éxito da variedade albariño “polos homes e mulleres do campo, que souberon traballalo ben”. En relación á festa, declarada de interese turístico internacional, “coñezo moitas festas do viño, pero na de Cambados é onde realmente gózase do viño e da súa cultura”.