22 de maio de 2018.- A Denominación de Orixe Rías Baixas participa novamente na London Wine Fair, que se desenvolve ata mañá no céntrico recinto londinense de Olympia. Como en anteriores edicións, o stand do Consello Regulador é un wine bar no que os asistentes poden degustar ata 87 marcas pertencentes a 49 adegas.
Multitude de profesionais están a mostrar interese polos viños de Rías Baixas. Precisamente, achéganse á caseta deste Consello Regulador para coñecer a variedade de matices dos Rías Baixas, así como o traballo que se está realizando nesta denominación. Rosa Martínez, técnica do Departamento de Márketing, acompañada do secretario xeral, Ramón Huidobro, desprazáronse ata Londres para dar aos visitantes detalles sobre os distintos tipos de viño presentados nesta feira.
Catadores, importadores, encargados de compras ou restauradores conforman o perfil de visitantes á caseta da Denominación de Orixe na London Wine Fair. Estes prescritores xa coñecen os viños de Rías Baixas, especialmente a súa variedade albariño, pero o seu interese pasa por profundar máis no traballo que desenvolven as adegas desta Denominación de Orixe.
A London Wine Fair é unha feira sectorial indispensable para a D.O. Rías Baixas, pois o Reino Unido é o seu segundo importador de viño no mundo. Ademais, España converteuse no cuarto país exportador a ese mercado, tanto en volume como en valor. No caso concreto de Reino Unido o interese por estes viños segue en aumento. De feito, Reino Unido incrementou nun 37,7% as súas exportacións de Rías Baixas o pasado exercicio, a pesar da incerteza que xeraba o Brexit.
Dada a súa importancia, este mercado conta cun plan específico de promoción que ten previstas varias misións inversas de prescritores, unha delas xa se desenvolveu a semana pasada; tamén a organización dun Salón do Viño. A promoción by the glass, así como “Glasses in hands @ consumer wine shows” que consistirá nunha colaboración cos Three Wine men. Finalmente, as ‘Premium wine dinners’ ceas de Rías Baixas organizadas en locais e dirixidas ao consumidor final, nas que un coñecido xornalista ou educador de viño dirixirá a cata e explicará a maridaxe.