As 77 marcas presentes na caseta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas están a ser unha das grandes referencias da London Wine Fair 2024, unha das citas máis importantes no calendario internacional do viño e que na súa edición número 42 reuniu a máis de 400 expositores de corenta países no Olympia London. Unha caseta pola que pasaron máis de 300 profesionais (entre os que se atopan educadores do viño, sumilleres, importadores e incluso máis dun Master of Wine) durante este luns e martes para probar algunha das 77 marcas dispoñibles.
O Consello Regulador estivo representado polo seu secretario xeral, Ramón Huidobro, e a técnica de marketing Rosa Martínez, que puideron comprobar o crecente interese do sector inglés polos viños Rías Baixas e por que a presenza da Denominación de Orixe na London Wine Fair é indispensable.
As 77 marcas da denominación presentes na caseta ofrecen un gran abano do traballo actual dos enólogos e das adegas de Rías Baixas, xa que inclúen elaboracións sobre lías, en madeira, espumosos de calidade, tintos… e unha gran variedade de colleitas (desde 2012, 2014, 2017 e algunha 2019 ata a actual colleita de 2023). Todos listos para ser probados polos prescriptores, que non paran de encher o ‘Wine Bar’ emprazado na caseta de Rías Baixas, que pechará hoxe mércores as súas portas.
Reino Unido é o segundo mercado de exportación dos viños da D.O. Rías Baixas e o primeiro de Europa desde hai máis de 20 anos. É por iso que conta cun plan promocional propio que organiza diferentes actividades, entre as que se atopan unha misión inversa de prescritores británicos en xuño así como a xa habitual visita de Tim Atkins, un dos máis influentes prescritores británicos, que será en xullo.
Este mercado achegouse aos 1,4 millóns de litros en 2023, cun valor superior aos 9,5 millóns de euros. Xunto co de Estados Unidos, Reino Unido é un dos mercados por excelencia dos viños de Rías Baixas.