Volver

05 de Xuño

Os viños de Rías Baixas, de xira promocional polos Estados Unidos

A D.O. Rías Baixas está a facer as américas esta semana. Ata os Estados Unidos desprazáronse adegas desta denominación e persoal do Consello Regulador para participar na campaña promocional O verán do Albariño Rías Baixas, consistente nunha xira por tres cidades norteamericanas (Atlanta, Houston e Dallas) na que participaron 26 adegas con máis de 70 viños diferentes que se elaboran actualmente nesta denominación. Máis de 200 profesionais estadounidenses asistiron a algunha destas tres citas.

Dita xira organizouse nun formato similar en cada cidade, consistente nun seminario VIP para 50 profesionais e medios de comunicación do sector, impartido por destacados expertos en viño da zona que visitaron esta denominación, e unha cata-showroom. Uns eventos aos que asistiron o secretario xeral da Denominación, Ramón Huidobro, e a directora de marketing, Eva Mínguez, e as propias adegas participantes.

O Rías Baixas Roadshow celebrou o luns a súa primeira xornada en Atlanta, liderada pola experta Sara Pierre, gañadora do Wine Star Award de Wine Enthusiast e propietaria de 3 Parks Wine Shop en Atlanta; e Jeffrey Hyman (Atlanta), xerente de bebidas de Barcelona Wine Bar Group. En Dallas, o mércores, e ao día seguinte en Houston, as xornadas foron impartidas por Dilek Caner, master of wine e propietaria da escola The Dallas Wine Center e dunha escola e dun restaurante no Bishop Arts District.

“É unha honra presentar o tour Rías Baixas por primeira vez en Atlanta”, comentou Sarah Pierre, “o albariño de Rías Baixas é unha categoría moi aprezada con moito que ofrecer, desde estilos máis lixeiros e frescos ata viños espumosos e crianzas longas sobre lías cunha versatilidade increíble. O Roadshow é unha oportunidade marabillosa para coñecer ás personas detrás dos viños, incluíndo a moitas enólogas comprometidas con descubrir todo o potencial desta rexión costeira e fresca, e a multifacética personalidade do albariño”.

O Rías Baixas Roadshow tivo unha gran acollida por parte dos prescriptores de Atlanta, Houston e Dallas con máis de 200 profesionais. Algo que non sorprende, xa que Estados Unidos é o mercado internacional por excelencia da D.O. Rías Baixas, cuxa evolución anual desde sempre é moi positiva. De feito, en 2024 as exportacións a Estados Unidos medraron máis do 13% en volume e valor, alcanzando os 2.920.016 litros e os 23.510.399 euros, e contan con 88 adegas exportadoras.