Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas sumaron 184 galardóns na súa participación en concursos enolóxicos nacionais e internacionais durante 2023. Os premios obtivéronse en 9 citas establecidas no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) ás que concorreron as distintas adegas adscritas á denominación desde xaneiro ata decembro de 2023.
Do conxunto de galardóns, 13 son da categoría Gran Ouro, Platino ou Best in show, 44 de Ouro, 69 de Prata, 49 de Bronce, 8 recomendacións e un trofeo. Os viños de Rías Baixas destacados corresponden na súa maioría á anada 2022, cun total de 124. Esta foi cualificada como ‘Boa’, aínda que nos últimos anos pódese observar un incremento das distincións ás anadas máis antigas, que cada vez máis chaman a atención dos xuíces.
Entre os mellores viños brancos do mundo
Estes premios nos máis prestixiosos concursos internacionais corroboran o posicionamento dos viños de Rías Baixas como uns dos mellores brancos do mundo. Así, en España obtiveron moi bos resultados en concursos consolidados como os organizados pola Unión Española de Catadores (UEC): os Bacchus 2023, que premiaron a 31 Rías Baixas (6 Gran Bacchus de Ouro, 22 Bacchus de Ouro e 3 de Prata). Por outra banda, os Vin España, concurso nacional de viños organizado pola Federación Española de Enoloxía, outorgaron ás marcas da D.O. Rías Baixas un total de 14 premios: 4 gran ouros, 5 ouros e 5 pratas.
A nivel internacional, os viños Rías Baixas conseguiron 65 galardóns nos Decanter World Wine Awards (2 ouros, 32 pratas, 30 bronces e 1 best in show), aos que se suman tamén as 31 medallas e 1 trofeo do International Wine Challenge (2 ouros, 17 pratas, 3 bronces e 8 recomendacións).
Outros concursos internacionais que premiaron aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas son: o Challenge International du Vin, con 1 premio (1 ouro); o Concurso Mundial de Bruxelas, con 18 galardóns (2 grandes ouros, 7 ouros e 9 pratas); o Mundus Vini, con 4 premiados (2 ouros e 2 pratas) e o IWSC International Wine & Spirit Competition, con outros 17 premios (1 prata e 16 bronces). A presenza destes viños por todo o mundo queda constatada coa súa participación tamén en Citadelles du Vin, con 3 medallas (3 ouros).
A tendencia observada nos certames internacionais dos últimos anos é un incremento nos premios das anadas lonxevas, aínda que seguen abundando os viños do último ano, neste caso 2022 que obtiveron 124 galardóns. Pero resulta rechamante que as restantes 40 marcas de Rías Baixas galardoadas sexan de anadas antigas como a 2021 (con 22 galardóns), tamén a 2020 e 2018 (con 12 cada unha), a 2019 (con 7), ou as 2017 e 2016 (con 3 cada unha) e a 2015 (con 1 premio). Nesta liña cabe destacar o Best in Show a unha anada 2018 no Decanter e un ouro una a 2018, tamén unha Medalla de Ouro a un 2021 no Concurso Mundial de Bruxelas, así como os 4 Gran Ouro de Vin España a 2 anadas de 2021 una de 2018 e outra de 2016, ou os Gran Bacchus de Ouro para unha marca da anada 2016 e dúas da 2021.