Volver

07 de Marzo

Os viños de Rías Baixas participan por primeira vez na feira Antad & Alimentaria México 2019 en Guadalajara

7 de marzo de 2019.- Na súa aposta polos mercados exteriores, este Consello Regulador participa por primeira vez na cuarta edición da feira Antad & Alimentaria México 2019. Unha cita que ten lugar no recinto feiral de Guadalajara (México) entre o 5 e o 7 de marzo. México é un dos mercados máis relevantes para esta Denominación de Orixe, situado en sexta posición no ranking de destinos exteriores, e que conta cun plan de exportación propio.

Esta acción promocional, cofinanciada polo IGAPE, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (programa operativo 2014-2020), permitiu a habilitación dun stand propio dentro do pavillón do ICEX. Nel amósanse un total de 31 marcas pertencentes a dezasete adegas.

Ata Guadalajara desprazáronse Ramón Huidobro, secretario do Consello Regulador, e Rosa Martínez, do Departamento de Márketing. “Todas as feiras son unha oportunidade para a promoción dos viños de Rías Baixas, sobre todo nun mercado no que están consolidados e son coñecidos polo consumidor”, explica Martínez. Neste sentido, engade que “non podemos obviar que son uns viños que acompañan moi ben a comida mexicana”.

Entre os perfís aos que se dirixe esta feira están “profesionais como importadores, distribuidores, supermercados, tendas especializadas, pero tamén restaurantes, cadenas hoteleiras, provedores de cruceiros… A verdade é que aúna un gran abano de prescriptores”. Os viños de Rías Baixas acapararon a atención destes profesionais coas súas diferentes elaboracións, maioritariamente de 2017, pero tamén algún 2018, e espertaron a curiosidade dos profesionais elaboracións de 2010, 2015 e algún 2016, entre outras.

Un mercado en alza

O mercado mexicano atópase entre os mercados prioritarios da Denominación de Orixe Rías Baixas. De feito é un dos países asentados no top-ten das exportacións destes viños. As vendas a México en 2018 superaron os 251.000 litros, acadando un valor de 1.546.621 euros.

Se miramos atrás e observamos a evolución deste mercado durante a última década, esta rexistra o 201,21% de incremento, pasando dos 83.442 litros de 2008 aos máis de 251.000 litros actuais, máis do triplo.