Volver

06 de Outubro

OS VIÑOS DE RÍAS BAIXAS PROTAGONIZAN DÚAS XORNADAS EN MIAMI E WASHINGTON

Dentro da súa aposta pola internacionalización, os viños de Rías Baixas protagonizaron dúas xornadas en Estados Unidos. Washington e Miami foron os destinos elixidos para estes eventos de alto nivel, que reuniron ao redor de 200 persoas. Unhas iniciativas que inician un calendario que se completará con numerosas accións previstas para este último trimestre do ano.

Estas xornadas en Washington e Miami organizáronse en tormo a unha clase maxistral sobre os viños de Rías Baixas e unha degustación acompañada de tapas, nas que participaron unhas 75 marcas. Os eventos contaron coa participación do secretario xeral e da directora de márketing do Consello, Ramón Huidobro e Eva Mínguez, que estiveron acompañados por adegas da denominación.

A primeira parada foi Miami, onde se reuniron preto dun centenar de prescritores americanos, entre os que se atopaban medios locais e nacionais, importadores, distribuidores, compradores para restaurantes e hoteis e catadores. Tamén participaron membros da Cámara de Comercio española e do IGAPE. A acción contou cunha clase maxistral sobre os viños de Rías Baixas dirixida pola fundadora da Academia do Viño de Florida, Alessandra Esteves, que mostrou viños con crianza, sobre leas, espumosos, tintos, diferentes anadas de Rías Baixas… Probáronse unhas 40 marcas desta Denominación de Orixe, que durante a degustación foron acompañadas de tapas inspiradas na gastronomía galega.

A segunda actividade celebrouse en Washington e contou coa participación dun centenar de profesionais (compradores para restaurantes e tendas, catadoras, medios locais e nacionais, influencers e educadores). Nesta ocasión tamén acudiu a conselleira comercial da Embaixada de España, María Pilar de Carlos Villellas. A xornada foi dirixida nesta ocasión pola Master of Wine Caroline Hermann e polo catador Erik Segelbaum, Degustáronse unhas 35 marcas, que se maridaron con tapas inspiradas en Galicia.

O mercado de Estados Unidos é o máis importante para a Denominación de Orixe Rías Baixas. Alí exportou en 2022 un total de 2.676.332 litros por un valor de 18.249.817 euros. Unhas cifras que se incrementaron respecto a 2021 un 0,32% en volume e un 10,25% en valor.