Volver

30 de Decembro

Os viños de Rías Baixas seguen colleitando premios e eloxios en concursos nacionais e internacionais en 2019

30 de decembro de 2019.- Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas sumaron 220 galardóns coa súa participación en concursos enolóxicos nacionais e internacionais durante 2019. Contabilizan, en concreto, 202 premios e 18 eloxios en 16 das citas establecidas no calendario oficial da Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) ás que concorreron desde xaneiro distintas adegas adscritas á denominación.

Do conxunto de galardóns, oito son da categoría de gran ouro, 65 da de ouro, 110 de prata e 82 de bronce. Os viños de Rías Baixas destacados corresponden na súa maioría á colleita 2018. Este feito corrobora a cualificación desa colleita como ‘Moi boa’.

Entre os mellores viños brancos do mundo

Así, os premios dos máis prestixiosos concursos internacionais certifican o posicionamiento dos viños de Rías Baixas entre os mellores viños brancos do mundo. Algúns exemplos son os Bacchus 2019, onde se obtiveron un gran bacchus de ouro, 17 bacchus de ouro e 18  de prata. Pola súa parte, os Baco outorgaron catro gran bacos de ouro, 11 bacos de ouro e cinco de prata. Xa no ámbito internacional sinalar un gran ouro, tres ouros, 25 pratas, 36 bronces e tres eloxios nos Decanter ou tamén 15 pratas, 18 bronces e 22 eloxios procedentes do International Wine Challenge.

Outros concursos internacionais nos que os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas recibiron numerosos galardóns son o Challenge International du Vin, con oito premios (dous ouros, tres pratas e tres bronces), tamén o Concurso Mundial de Bruxelas con 13 galardóns  (tres ouros e 10 pratas), Asia Wine Trophy con 12 premios (11 ouros e dúas pratas) e o Vinalies Internationales (unha prata). A presenza destes viños por todo o mundo queda constatada coa súa participación tamén en Citadelles du Vin ou Champions Wine, entre outros.