Volver

18 de Outubro

Prescriptores mexicanos alaban a capacidade de envellecemento dos viños da D.O. Rías Baixas

2 de outubro de 2018. A D.O. Rías Baixas acolle esta semana a visita de sete prescriptores mexicanos. Andrés Amor, Carlos Borboa, Laura Santander, Sandra Fernández, Jesús Díez, René Rentería e Luis Váldez conforman o grupo de profesionais do sector que percorren desde onte e ata mañán adegas de distintas subzonas para coñecer in situ o traballo que se desenvolve nesta Denominación de Orixe.

“Os viños están sendo toda unha sorpresa para nós. Comprobamos que o Albariño Rías Baixas pode envellecer ben”, asegura Andrés Amor. O sumiller profesional destacou tamén que, ao coincidir a súa visita coa recta final da vendima, “puidemos probar a colleita 2018 directamente do tanque e coñecer propostas novas para nós, como os Rías Baixas barrica ou sobre lías. Son marabillosas sorpresas”, afirma.

Entre os aspectos máis sorprendentes, Andrés Amor destaca “a versatilidade dos Rías Baixas. Viñamos coa idea de que eran uns viños moi correctos, doados de beber, frescos e novos. Agora vemos que hai moitas máis opcións e que estamos ante unha Denominación de Orixe xoven, pero que evoluciona, a nivel de introducir a tecnoloxía, de entender o terroir… Algo que fai que esta D.O. siga medrando”, explica Amor.

Por outra parte “pareceunos moi interesante todo o que rodea a producción destes viños: desde a historia das súas adegas ata o emparrado que para nós non é algo común. Démonos conta de que a D.O. Rías Baixas non só é viño, senón todo o que o rodea e xunto a unha gran gastronomía”, conclúe o sumiller mexicano.

Sexto destino exterior

Esta misión inversa encádrase dentro do Plan de Promoción que o Consello Regulador desenvolve en México. “Este país resulta de grande interese xa que supón o sexto destino das exportacións dos viños de Rías Baixas”, indica a responsable do Departamento de Marketing, Eva Mínguez.

Hai que ter en conta aue o ano pasado se exportaron un total de 219.815 litros de viño por valor de 1.306.436,99 euros ao país mexicano. “Trátase dun mercado moi interesante e con posibilidades de ampliación”, indica Mínguez.

Participantes na Misión Inversa

Andrés Amor. Sumiller profesional, xuiz e catador profesional de viños, colabora en revistas como Food & Wine en español e El Gourmet, ademais de exercer como asesor de 37 restaurantes do país. Tamén é docente para diferentes universidades de materias como análise sensorial e cultural do viño.

Carlos Borboa. Sumiller profesional certificado pola Asociación de Sommeliers Mexicanos, xuiz catador de concursos de viños e consultor de viños e bebidas espirituosas, tamén exerce o seu labor de columnista especializado en viño para o diario El Universal.

Laura Santander. Sumiller certificada polo Court of Masters Sommeliers e Mestra Tequilera pola Academia Mexicana de Catadores de Tequila, Vino e Mezcal A.C., foi gañadora do premio La Nariz de México en 2012 e gañadora do Award of Excellence Wine Spectator en 2014, 2015 y 2016. Ademais, escribe para revistas como El Gourmet, El Conocedor e Eddy Warman e é columnista no suplemento Buena Mesa do diario Reforma.

Sandra Fernández. Xuiz e catadora profesional de viños, conta cos títulos en Certified Wine Professional, no Culinary Institute of America e de Certified Specialist in Wine e Certificied Wine Educator. Posiciounouse como unha das 25 persoas máis influíntes do mundo e forma parte da canle El gourmet no programa de televisión Gourmet Responde. Importante participación no Wine & Food Festival Cancún-Riviera Maya.

Jesús Díez. Mestre en Enoloxía e Viticultura, é xuiz e catador profesional de viños. Escribe libros para Editorial Larousse, coa publicación do libro El ABC del vino. Tamén colabora activamente na radio con espazos dentro dos programas Vive México. Ademais é director e creador de Vinicultura, organismo especializado en difundir a cultura do viño.

René Rentería. Catador profesional de viño e xornalista de viño e gourmet, é autor da columna El escritorio de Baco do periódico financiero, ademais de titular da sección de viños e gourmet no programa radiofónico de Enfoque Financiero de Núcleo Radio Mil. Tamén exerce como docente da Mestría en Negocios do Viño CESSA Universidade. Conta co nivel II certificado pola WSET (Wine and Spirits Educational Trust) con mención honorífica. Desde 2011 é integrantes da Unión Española de Catadores, xuiz en máis de 37 concursos internacionais, secretario xeral da Academia Mexicana do Viño e membro fundador da Unión Mexicana de Cata e Sommelier. Por cuarto ano consecutivo, foi nomeado un dos 25 líderes en México en 2014 pola revista Líderes Mexicanos.

Luis Váldez. Licenciado en Administración no ITAM, é CEO e fundador de WineAdvisor, unha plataforma creada para transformar a industria do viño a través do uso da tecnoloxía, con presenza en cinco países e con preto de 200 restaurantes que a utilizan.